Temas: RACISMO

O racismo doe

A estrea de Kër (Casa) reúne a máis dun cento de veciñas e veciños no Ágora da Coruña nun acto de terapia de grupo para espantar o sufrimento.

Por Erik Dobaño | A Coruña | 21/03/2017 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

“O home é o remedio para o home”, di un proverbio senegalés. Onte no Ágora, nunha sala 9 repleta, Diana, unha estudante de xornalismo, e Massamba, un mozo senegalego (un xeito de ve-lo mundo ao que lle puxo nome Cheikh Fayé no seu blog) oficiaron unha cerimonia laica, unha terapia de grupo na que veciñas e veciños de diferentes cores falaron coa pel e cos corazóns do sufrimento que produce a inmigración, o desarraigo e a da dor do racismo.

Mussamba no Ágora con Zorahaida (SOS Racismo) e Diana Mata
Mussamba no Ágora con Zorahaida (SOS Racismo) e Diana Mata | Fonte: Erik Dobaño

Proxectouse Kër (Casa), un traballo de Diana Mata para rematar a primeira parte dos seus estudos, e unha oportunidade para Massamba, 36 anos, diplomado en turismo en Senegal, vendedor ambulante en España desde que chegou hai catro anos, para dicir en alto que a venda ambulante “non é un traballo”, porque “vendemos merda e resulta humillante molestar á xente mentres cea ou conversa”, porque “case non dá para vivir”.

Massamba é un dos tres senegalegos que falan en Kër do duro que escoitar as veces “vaite para o teu país, negro!”. “Nunha desas botei media hora nun banco, chorando, non puiden seguir vendendo aquela noite e marchei para a casa”. Moo, 25 anos, e Abdu, 30, falan de que as veces séntense invisíbeis. Contan como eles tamén soñaron cunha Europa próspera e mesmo un deles se embarcou nun caiuco sen avisar a familia até o último momento. Como sufriu acoso dalgún veciño e mesmo da policía.

Como se sufre?

Público durante a charla sobre o racismo no Ágora da Coruña
Público durante a charla sobre o racismo no Ágora da Coruña | Fonte: Erik Dobaño

Na sala, chea, máis dun cento de persoas, remóvense os recordos. Un xeito de pedir desculpas polo sufrimento dos migrantes de hoxe é lembrar que os galegos tamén saíron a Europa e viviron como ratas en Suíza ou Alemaña. Outro é recoñecer que os galegos de hoxe non son quen de compadecerse porque nin miran aos ollos dos que sofren. “Como se sufre?”, pregunta un home a Massamba. “Eu non sentía nada. Simplemente chegaba o xoves e collía a mochila e sabía que tiña catro noites por diante para facer o peor traballo do mundo”.

Na sala falan os senegalegos. Contan como a crise mudou o negocio da venda ambulante, que antes da crise si daba para facer cartos e levar algo a Senegal. Hoxe non. Hoxe o éxito é mentira. “E temos que dicilo aquí e alá, porque se non estamos traizoando á xente que quere vir”, di Massamba.

Como se sufre? “Levaba uns meses aquí e chamei por teléfono e díxenlle a familia que quería regresar a casa. Meu pai díxome que si millóns de senegaleses aguantaban, eu tiña que aguantar”.

Fala unha muller e di que o peor é o racismo, é ser negra e que te miren como se foses unha puta. A xente queixase das leis, da falta de traballo, do imposible de vivir coa venda ambulante. Pero o peor para un pobo sinxelo, amable e respectuoso como o senegalés é o desprezo. Ese doe. “Temos que dicir a verdade, porque se puidera volver atrás, eu non tería saído”, conclúe Massamba. Da sala xa marcharon as crianzas, senegalegas, para as que a súa casa está aquí, no barrio, nesta cidade, a súa casa… e precisan sucesos coma este de onte no Ágora, xente sensible como Diana, para topar o único remedio ao sufrimento.

Temas: RACISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta