O acusado de abusar dunha muller discapacitada nega trato coa vítima, que se ratifica na súa denuncia

Piden 14 anos e medio para o home de Verín procesado por abusar repetidas veces da muller

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2017 | Actualizada ás 18:31 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Fiscalía e acusación particular solicitaron 14 anos e medio de prisión e 20 anos de afastamento para F.B.G., un septuaxenario de Verín (Ourense) acusado de agredir sexualmente durante anos a unha muller con atraso mental e unha deterioración cognitiva grave. A defensa reclamou a súa libre absolución xa que este negou ter ningún trato con ela.

Acusado de abusos a unha discapacitada en Ourense
Acusado de abusos a unha discapacitada en Ourense | Fonte: Europa Press

Durante o xuízo, celebrado este xoves na Audiencia Provincial de Ourense a porta pechada, F.B.G. declarouse inocente e negou ter ningún trato coa vítima. O acusado respondeu ás preguntas de Fiscalía e avogados e negou os feitos que se lle imputan.

A muller, que declarou a través de videoconferencia, mantivo o seu relato das agresións continuas por parte do home, que tiñan lugar na súa propia casa, na do acusado ou lugares próximos ao pobo.

O Ministerio Público e a acusación particular mantiveron as súas peticións iniciais ao considerar probado que o acusado "mantivo relacións sexuais non consentidas" coa vítima aproveitándose da súa "vulnerabilidade" e "baixo presións psicolóxicas e físicas", tal e como relata o escrito de Fiscalía.

AS PENAS SOLICITADAS

Á parte dos 14 anos e medio de prisión e a orde de afastamento por un período de 20 anos, o Ministerio Público reclamou unha multa de 75.000 euros en concepto de responsabilidade civil. A acusación particular eleva esta cifra ata os 150.000 euros.

Os feitos saíron á luz no ano 2015. A vítima é unha muller sexagenaria que presenta un atraso mental entre leve e moderado e unha deterioración cognitiva grave, que está diagnosticada de trastorno bipolar e que ten recoñecida unha minusvalía do 66%.

O escrito de Fiscalía considera que F.B.G. ameazábaa para que non contase a situación que estaba a vivir e dicíalle que "non a ían a crer, que estaba tola e que era ela a que levaba as de perder" se llo contaba a alguén.

INFORMES PERICIAIS

Por parte da acusación particular destacouse que os psiquiatras chamados a declarar durante as periciais e os representantes do Imelga coincidiron en sinalar que os pacientes co tipo de enfermidade que padece a muller non se caracterizan por mentir.

Tamén destacou a intervención dos forenses, que sinalaron como "moi pouco probable" que unha persoa coas dificultades cognitivas da vítima "puidese elaborar e manter unha mentira dese tamaño".

A defensa defendeu a inocencia de F.B.G. e reclamou a súa libre absolución. Na actualidade o home ten unha orde de afastamento a menos de 50 metros da súa vítima, do seu domicilio ou lugar de traballo.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta