Por gcdeportes | Lugo / A Coruña | 24/03/2017 | Actualizada ás 08:48
Derbi apaixoante no Pazo lucense. Breogán e Básquet Coruña, Cafés Candelas e Leyma. Xunto con Palencia, os mellores anotadores da LEB Ouro. Os lucenses, con só nove derrotas, loitan aínda pola primeira praza que dá ascenso directo á ACB e os coruñeses, afianzados en postos de play-off, buscan a mellor posición posíbel cara ás eliminatorias finais. E no banco visitante, Tito Díaz, unha institución en Lugo, ao que sempre se lle dá moi ben o Breo: doce partidos nas catro últimas tempadas, nove vitorias coruñesas, 3-2 na eliminatoria de ascenso a campaña pasada e invicto no Pazo como técnico do Leyma en Liga regular (tres de tres).
“Agardo que sexa unha festa do baloncesto galego. Verase un encontro atractivo para o espectador, porque o Breogán é o equipo que máis anota da Liga e nós o terceiro. Somos dous equipos que buscan o espectáculo”, apunta o técnico lucense, que conta co plantel máis amplo da categoría, doce xogadores que se reparten os minutos para tentar manter a intensidade durante os corenta minutos.
O Breo suma cinco vitorias nas seis últimas xornadas, pero dúas das tres últimas derrotas foron no Pazo ante a súa afección (Gipuzkoa e Lleida). Ademáiis, o equipo de Natxo Lezcano afronta o derbi tras unha semana complicada no apartado físico, con varios xogadores tocados, pero no que só Lobito Fernández é seria dúbida. Os lucenses contan tamén cun plantel longo, once xogadores, despois das chegadas de Thomas Bropleh e o pivote coruñés, ex do Leyma, Mario Cabanas. E conta co apoio do Pazo, sempre espectacular, que agarda con expectación un novo derbi. Lezcano reclama dos seus contaxiarse da motivación do Pazo, e estar concentrados durante os 40 minutos, algo que falla acotío no Breo.
“Gañar fóra cando o equipo da casa anota máis de 90 puntos vai ser moi difícil. O noso primeiro obxectivo é ter un bo nivel defensivo sobre os seus xogadores importantes, pero o Breogán ten poucos xogadores non importantes, polo que haberá que estar atentos a todos os seus xogadores. E logo o control do rebote, podemos facer unha boa defensa pero se concedemos 15 rebotes de ataque, teremos poucas opcións. E logo ser nós mesmos”, di o técnico do Leyma Coruña, que estará acompañado por preto dun cento de afeccionados.
No encontro da primeira volta, Leyma venceu 94-85 a Breogán, con 14 triplas dos coruñeses, pero xa non estará Dago Peña, autor de 22 puntos naquela xornada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.