Ladran, logo cabalgamos

As cousas que estamos a escoitar ao Goberno de Zapatero nos últimos días, tanto a conta da Lei de Caixas de Aforros aprobada polo Parlamento galego en decembro pasado, coma das transferencias competenciais lexitimamente demandadas por esta comunidade, traéme á cabeza a célebre frase erroneamente atribuida ao Quixote.

Por Manuel Ruíz Rivas | Ribeira | 04/02/2010

Comparte esta noticia

“Ladran, logo cabalgamos”, tal é a conclusión que ben pode extraer o PP de Núñez Feijóo á vista do ataque sen fundamento que os socialistas que están a desgobernar España lanzan contra decisións democraticamente adoptadas en Galicia. Un ataque perpetrado coa mesma seriedade e o mesmo rigor cos que eses mesmos socialistas improvisan as súas non-solucións aos graves problemas económicos deste país.

A decisión de recorrer a Lei de Caixas ante o Tribunal Constitucional, adoptada antes de vestila para o disimulo cunha solicitude de informe ao Consello de Estado, en base a intereses meramente políticos e sen presentar razóns xurídicas claras; ou a de negar uns traspasos de competencias plenamente conformes á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia e aprobados unanimemente pola Cámara galega, deixan entrever un nerviosismo que roza o medo por parte dos socialistas ante un Partido Popular que se fai cada día máis forte como alternativa, nunha cabalgada que se iniciou precisamente en Galicia vai agora para un ano.

Argumentar que a lei en cuestión non foi consultada coa Administración central antes de aprobarse, cando as comunidades autónomas non teñen obriga de negociar previamente con ela a aprobación de leis no seu ámbito competencial, é un irresponsable insulto á intelixencia, unha burla aos principios democráticos e unha arriscada afrenta á autonomía galega. Respostar a unha solicitude de traspaso competencial cun “reformen vostedes o seu Estatuto” agrava esa afrenta, habida conta de que eses traspasos non necesitarían de tal reforma e do que é moito mais grave que só ao Parlamento galego lle corresponde, de acordo coa Constitución española e co Estatuto de Autonomía, a iniciativa da reforma estatutaria.

O medo do PSOE a unha reconquista popular que ten en Galicia máis ca un símbolo, e que axexa á tropa socialista non xa nos seus momentos máis baixos, senón en plena caída libre, lévaos a cometer o que sen dúbida é o erro máis grave de todo este disparate, como é o de confundir o obxectivo do seu ataque. E é que os mísiles lanzados, máis propios da guerra de Gila que de quen ten a alta responsabilidade de gobernar, non se dirixen contra o Partido Popular nin contra o seu líder, senón que apuntan directa e perigosamente contra a autonomía de Galicia ou, dito doutro xeito, contra todos os galegos e contra a democracia que sustentan. É Galicia a que cabalga, non debera Zapatero equivocarse.

E tamén deberan atinar os socialistas galegos, empezando por definirse dunha vez por todas e decidir se están polo labor de defender os intereses desta terra ou prefiren salvagardar os do seu partido. Decidir, en definitiva, se están cos que cabalgan ou cos que ladran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Manuel Ruíz Rivas
Manuel Ruíz Rivas Foi Concelleiro e Primeiro Tenente de Alcalde en Ribeira dende 1987 ata 2006. Membro da Executiva rexional do PPdeGalicia,e compoñente do seu Comité de Dirección. Membro da Executiva do PPde A Coruña.Deputado no Parlamento de Galicia ininterrompidamente dende a IV Lexislatura (1993). No ano 2004 foi nomeado Viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e dende o 2007 é o Portavoz do Grupo Parlamentario Popular.