Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2017 | Actualizada ás 09:00
A superficie verde creada nas ladeiras do Gaiás, na contorna da Cidade da Cultura e coñecida como Bosque de Galicia, será o "pulmón verde" de Santiago. Ou iso é o que quere a Xunta e o seu presidente.
Alberto Núñez Feijóo anunciaba este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que se incrementará o espazo verde do Monte Gaiás e que contará con 10 hectáreas máis e 4.500 novas árbores de especies autóctonas.
Na súa reunión semanal, o Executivo autonómico deu luz verde ao II Fase do Bosque de Gaiás, que contará cunha superficie total de 34 hectáreas e case 12.000 árbores.
Deste xeito, o Goberno galego sinalou que o resultado será "unha ampla alfombra verde destinada ao lecer ao aire libre de todos os galegos" e que funcionará como "un pulmón ecolóxico cun impacto positivo sobre o metabolismo ambiental da cidade de Santiago".
A segunda fase prevé dous novos quilómetros de sendas, que se suman aos 3,2 xa construídos. Así, o Bosque contará con cinco quilómetros de senllas cun sistema de iluminación de baixo consumo que permitirá o seu uso en horario de pouca luz natural. Ademais, haberá áreas de descanso e unha terraza con vistas sobre Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.