Cando os escándalos son algo cotiá

O PSdeG na provincia de Ourense ven denunciando as políticas caciquís que o PP emprega na Deputación Provincial dende hai vinte anos, é dicir, dende que José Luis Baltar é presidente da Deputación.

Por Eladio Osorio | Castro Caldelas | 16/02/2010

Comparte esta noticia

Cando os socialistas e os nacionalistas poñiamos o grito no ceo porque na institución provincial só entraban a traballar cargos, familiares e axentes electorais  do Partido Popular, moita xente miraba cara outro lado.

 É sabido por todas e todos que dende que se fusionou Centristas de Galicia (os da boina) e Alianza Popular (os do birrete) en Ourense sempre existiron dous Partidos Populares, pero uns tapábanlle os escándalos ós outros, porque así a todos lles ía ben. Pero non só os do birrete amparaban as prácticas caciquís de Baltar e os seus acólitos. Tamén algúns medios de comunicación lle poñían sordina a todas estas denuncias.

Entre uns e outros foron permitindo que pouco a pouco a provincia de Ourense lonxe de converxer co resto de España fora afondando máis nesa fenda que existe entre a nosa provincia e o resto do Estado.

Non foron poucas as veces nas  que nos sentiamos impotentes porque a nosa mensaxe de que outro modelo de provincia era posible, non chegaba á cidadanía. Había moita xente interesada en que só se escoitase esa frase tan manida de que “todos son iguais”, e como “todos son iguais” para que imos cambiar... que sigan os mesmos.

Pero agora de súpeto hai unha parte do Partido Popular e algúns medios de comunicación dos que antes estaban calados que lle poñen altofalantes as nosas denuncias e aveces incluso nos acusan de que facemos pouca oposición. É certo ese dito de que... as voltas que dá a vida.

Pois o certo é que o PSdeG de Ourense ven denunciando ano tras ano que unha Deputación que ten unha débeda que alcanza o 110% do seu orzamento, é dicir máis de 90 millóns de euros non é sostible. Tamén denuncia que unha Deputación na que a  inmensa maioría (e debería dicir inmensísima) dos seus traballadores leva na carteira o carné do PP non é un reflexo na sociedade ourensán. Así mesmo non é normal que nunha Deputación como a de Ourense se realicen 1600 contratos temporais en catro anos, nin tampouco é normal que a veces o número de traballadores ande ó redor dos 1100 (por certo, sempre en período pre-electoral).

Pero o máis curioso de todos estes casos é que mentres esto acontecía na Deputación de Ourense había un vicepresidente (dos do birrete) que era o que presidía toda sas mesas de contratación e que é agora un dos que denuncia todas estas cousas “raras”.

Pero é que no PP de Ourense acontecen moitas cousas “raras” como que acudan de compromisarios o seu congreso candidatos do BNG na últimas eleccións municipais no Concello de A Bola. Pero tamén é moi “raro” que vaian como compromisarios catro concelleiros (o alcalde de A Pobra de Trives e o ex-alcalde e tres concelleiros de Calvos de Randín) que segundo os comunicados oficias do PP estaban expulsados do partido por ser declarados tránsfugas pola Comisión de Seguimento do Pacto Antitrasfuguismo. Pero o que aínda é máis “raro” é que tanto Rajoy como Feijóo que enviaron observadores ó congreso ourensán permitiran que estas persoas votasen no proceso de elección do Presidente do PP de Ourense.

Nós seguiremos denunciando aínda que a algúns lles interese poñer a veces sordina e outras veces altofalante as nosas denuncias.

Pero hai unha cousa que está clara, hai outra forma de facer política, e nós apostamos por ela. Unha política na que todo o mundo teña as mesmas oportunidades, e nas que as mozas e os mozos non teñan que buscar traballo fora da nosa provincia porque non teñen no peto o carné do Partido Popular. Só falta que a sociedade aposte por este cambio e todas estas prácticas caciquís pasarán a formar parte da historia. Unha historia rancia que todos queremos esquecer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA