SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2017 | Actualizada ás 17:42 por EUROPA PRESS
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, médico de profesión, clausurará a xornada sobre os aspectos éticos e sociais da reprodución asistida do Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima en Vigo.
A sala de conferencias da sede de Afundación, en Vigo acollerá este venres, 7 de abril, a partir das 16,00 horas a case un centenar de profesionais para debater sobre os aspectos éticos e sociais da reprodución asistida.
Esta xornada, promovida pola unidade de reprodución asistida do Hospital Vithas Fertility Center, dedicará unha das mesas ao estudo da maternidade subrogada e a segunda á análise da demografía e xenética.
Esta xornada, que se realiza en colaboración con Merk, coincide coa recente remodelación das instalacións da Unidade, que contan a partir de agora con 365 metros cadrados nos que se cambiou o mobiliario, mellorou o acabado das consultas, ampliáronse as instalacións coa creación dun novo despacho.
ENCONTRO
A este encontro, que será clausurado ás 20,30 horas polo presidente do Parlamento de Galicia, inscribiuse case un centenar de profesionais pertencentes a outras unidades de reprodución, xinecólogos, biólogos e avogados, fundamentalmente.
A xornada científica está incluída dentro da programación Vithas Aula Saúde de formación da cidadanía en materia sanitaria. A inauguración corresponderá ao director médico do Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima, o doutor Germán González Pazó, que dará paso a unha breve intervención da coordinadora de Vithas Fertility Center, a unidade de reprodución asistida do hospital organizador, a xinecóloga María Isabel Rivas Rodríguez.
A primeira das mesas de traballo está dedicada á maternidade subrogada e será moderada polo doutor Roque Devesa Hermida. Nela intervirán Rocío Núñez Calonge e Fernando Abellán-García Sánchez, asesor externo da Comisión Nacional de Reprodución Humana Asistida do Ministerio de Sanidade. Falarán, respectivamente, sobre os aspectos éticos e legais da maternidade subrogada.
Tras o correspondente debate, comezará a mesa redonda sobre demografía e xenética moderada polo doutor Domingo Vázquez Lodeiro. Neste bloque intervirán Antonio Gosálvez Veiga, que abordará o tema de se sobrevivirán os centros de reprodución ao impacto demográfico.
Mentres, José Antonio Castela Alcalá falará da globalización e a xenética na doazón de gametos, e a xinecóloga de Vithas Fertility Center do Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima, Nuria Boullón Batalla, que tratará sobre a reprodución na rede.
A clausura do encontro, prevista para as 20,30 horas, corresponderá a Miguel Santalices, que falará tras o xerente do Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima, VithasLab e os centros Vithas Saúde Fisium, José Ramón Santamaría Barreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.