Un xuíz critica que se aplique as mesmas penas a ETA e a Resistencia Galega

Tirando da aplicación do novo Código Penal (2015), o Tribunal Supremo rebaixa as penas de dous condenados por militar en Resistencia Galega. Ademais, nun voto particular un maxistrado protesta porque se lles aplique a estes mozos a mesma dureza que a ETA, cando se enxuíza sabotaxes e non asasinatos.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 07/04/2017 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Sala II acordou rebaixar de 7 anos e 9 meses de cárcere a 5 anos e 5 meses as penas a dous membros de Resistencia Galega en aplicación do artigo 579 bis 4 do Código penal, introducido por Lei en 2015, que permite aos tribunais reducir nun ou dous graos as penas por delitos de terrorismo cando os feitos sexan obxectivamente de menor gravidade atendidos o medio empregado ou o resultado producido.

Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional, de pé o condenado Rodríguez
Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional, de pé o condenado Rodríguez | Fonte: TVG

Así, os maxistrados reducen nun grao as penas impostas  en 2013 a parella formada por Antón Santos Pérez e María Osorio López pola Audiencia Nacional (confirmadas en 2014 polo propio Supremo), que foron de 6 anos de prisión por delito de participación en organización terrorista e 1 ano e 9 meses por delito de falsidade documental, que son modificados por unha pena de 4 anos e 3 meses polo primeiro delito, e 1 ano e 2 meses, polo segundo.

O Supremo revoga un auto da Audiencia Nacional, do 20 de xullo de 2016, que denegara aplicar a nova atenuante prevista no artigo 579 bis 4 do Código penal a estes dous acusados, e a un terceiro condenado na mesma causa, Roberto Rodríguez Fiallega, quen foi condenado polos mesmos dous delitos e ademais por tenencia de explosivos con finalidade terrorista. O alto tribunal comparte o criterio da Audiencia no caso deste último acusado,  Fiallega, polo que non lle rebaixa os 13 anos e 9 meses de cárcere da súa sentenza firme de 2014.

Con todo, aplica a atenuante a María Osorio e Antonio Santos. Explica que, no relativo á súa integración en organización terrorista, a súa participación é “tremendamente dispar” á de Roberto Rodríguez. “No domicilio destes condenados atopáronse textos de independentismo radical, algúns litros de gasolina e unha documentación que -se di- identifica posibles obxectivos terroristas e a súa planificación cronolóxica, pero sen singularizarse cal era o seu concreto contido. A súa participación queda así aberta a accións de moita menor lesividade do ben xurídico que a que xa analizamos, pois parece apuntar a funcións de propaganda e á mera identificación duns obxectivos que tampouco se exclúe que se limitasen ao vandalismo urbano”, argumentan os xuíces. O feito que a Rodríguez se lle atopasen explosivos fai que non se lle aplique este razonamento.

E en canto á falsidade documental, “aínda que é evidente a súa autoría, na medida en que no rexistro efectuado en casa de Roberto Rodríguez, incautáronse senllos documentos nacionais de identidade e permisos de conducir, nos que -baixo identidade allea- incorporáronse as fotografías destes dous recorrentes, debe observarse con todo que, non consta probado que os documentos estivesen aínda á súa disposición, nin pode atribuírselles unha finalidade terrorista máis grave que a que apunta a súa propia participación na banda”, indica a sentenza.

Sabotaxe contra as obras do AVE con pintada de Resitencia Galega
Sabotaxe contra as obras do AVE con pintada de Resitencia Galega

A resolución conta co voto particular do maxistrado Luciano Varela, que considera que tamén debeu rebaixarse a pena a Roberto Rodríguez en polo menos un grao. Varela tampouco está de acordo en que se aplique a mesma severidade a estes mozos que aos terroristas de ETA, porque sinala que estamos a falar de casos de ataques e sabotaxes na vía pública pero non de asasinatos de persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta