Temas: RADIO BBC RAG

A primeira programación radiofónica en galego cumpre 70 anos

Foi o “Galician Programme” da BBC. A Real Academia Galega compartirá na súa páxina web o guión da primeira emisión, que tivo lugar na noite do 14 de abril de 1947.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/04/2017 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

"C'o Programa d'ista noite damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega". Ás 23.45 horas do 14 de abril de 1947, comezaba así a primeira programación radiofónica estable en galego, unha xanela aberta á difusión da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo, desde a máis prestixiosa emisora do mundo, a BBC de Londres. Os micrófonos do "Galician Programme" permitiron oír desde calquera aldea de Galicia colaboracións das figuras máis importantes da nosa cultura.

Unha das emisións da BBC internacional
Unha das emisións da BBC internacional | Fonte: BBC

O Arquivo da Real Academia Galega conserva os guións deste espazo, emitido ata que en 1956 as presións do goberno de Franco acabaron con el. Nesta ligazón pódese descargar o guión daquela primeira noite de hai setenta anos.

O espazo emitíase, cunha duración variable, cada tres semanas dentro do "Spanish Programme", alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. A melodía de Cock of the North, unha popular canción escocesa, marcaba o inicio e o Alalá de Bande, a Muiñeira de Cartelle ou o Pasacorredoiras de Arnoia, o peche, como se pode ver nos máis de oitenta guións do "Galician Programme", custodiados na RAG grazas á doazón do seu editor e presentador, o xornalista ourensán Alejandro Raimúndez. 

Naquel primeiro programa deu axiña paso a Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía, para abordar as Relaciós culturais entre Inglaterra e Galiza. O xornalista galego, que colaborara nos anos vinte coa revista Nós e o diario El Pueblo Gallego, era un profesional recoñecido: fora expulsado en 1933 polo goberno nazi de Alemaña e daquela volvía ser correspondente en Reino Unido, desde onde cubrira a II Guerra Mundial para La Vanguardia.

Raimúndez, que conducía este espazo baixo o pseudónimo de Xavier Fernández, fora catedrático da Escola de Altos Estudos Mercantís de Barcelona e incorporárase á emisora británica pouco despois de se exiliar en Londres por mor da Guerra Civil. "A través dos seus paisanos Eleuterio González Salgado e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, entra en contacto con Fernández del Riego e encoméndalle a procura de colaboracións periódicas para o programa galego. A partir dese momento, Fernández del Riego convértese en coordinador en Galicia e solicita a todas as figuras senlleiras do país a súa colaboración para ser remitida a Londres, e a resposta foi entusiasta, xa que todos cooperaron con gran xenerosidade", explica o catedrático da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos na introdución de Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956 (Editorial Tambre, 1994), volume no que recolle estes guións.

Ademais do propio Francisco Fernández del Riego -presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001-, que participou en doce programas, sobresae a colaboración desde Londres de Plácido Castro, traballador da BBC, autor de once guións e locutor en diversas ocasións. Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Ramón Villar Ponte, Pura Vázquez, Manuel María ou Faustino Santalices foron outros autores que fixeron achegas en distinta medida. "Galician Programme" contou tamén con outras colaboracións foráneas como a da xornalista e escritora británica Nina Epton, nun programa sobre a súa viaxe a Galicia; ou a do profesor norteamericano Stephen Reckert (Galiza: Oucidente da Romania e sur da Celtia).

Historia da radio galega

"As emisións en lingua galega dende a BBC de Londres son un capítulo sobranceiro e moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita que significou a Guerra Civil. Unha acción estratéxica desde o exilio interior, principalmente de persoas arredor de vellos militantes do Partido Galeguista que por aquelas datas estaban a configurar a Editorial Galaxia", salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. 

"Estes guións da BBC, con colaboracións fundamentalmente de carácter cultural e literario, constitúen un capítulo moi emocionante da historia da radio galega e en galego, e mais da historia da loita democrática pola presenza de Galicia no mundo. Naqueles tempos arriscados, xestos aparentemente tan sinxelos estaban cargados dunha poderosísima significación simbólica e política. Parece de xustiza lembrar non só os seus promotores senón todos os colaboradores que o fixeron posible", engade nun comunicado da RAG.

O galego nas ondas: do vello dos contos á resistencia democrática

A lingua galega tivera presenza na radiodifusión xa desde os tempos da II República, desde a creación en 1933 da primeira emisora de radio, Radio Galicia, promovida por Unión Radio e pola plataforma de apoio ao Estatuto de Autonomía de Galicia. "O galego na radio chegou a ser moi popular entón, con personaxes radiofónicos como Xosé Mosquera, O vello dos contos, ou emisións de radioteatro", recorda Víctor F. Freixanes. Despois da Guerra Civil, este medio serviu como forma de resistencia democrática desde o exterior, con emisións como as realizadas para as colectividades galegas en América, con programas como "Sempre en Galiza", posto en marcha en Montevideo en 1950, ou "Galicia emigrante", dirixido desde Buenos Aires por Luís Seoane (1954-1971); ou espazos máis recentes como o dirixido desde o exilio portugués por Margarita Ledo (1974-1975).

Temas: RADIO BBC RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta