Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/04/2017 | Actualizada ás 14:52
O Comité de empresa da CRTVG activará un protocolo para actuar en casos de manipulación informativa como o que recentemente aconteceu nos servizos informativos cando un xornalista denunciou que a súa peza informativa foi cortada ao conter declaracións críticas coa Xunta.
Segundo este protocolo, o Comité estudará cada caso, sexa denunciado por unha persoa ou por un colectivo, recollendo as probas que considere necesarias e contactando co persoal implicado. Tamén pedirá a opinión da Dirección de Informativos ou Programas e coa dirección do programa, informativo ou departamento responsable da emisión ou difusión da noticia motivo da queixa para “denunciar a práctica e, de ser necesario, pedir as aclaracións pertinentes”.
Transcurridas 48 horas desde a notificación á dirección, e no caso de considerar lesionado algún dereito, o Comité emitirá unha nota pública denunciando a manipulación, “agas nos casos que pola súa gravidade esixa unha resposta urxente”.
Segundo o protocolo aprobado por todos os sindicatos, o Comité porá o caso en coñecemento do Director Xeral e do Consello de Administración da CRTVG e daralle traslado do acontecido ao Colexio de Xornalistas de Galicia. Ademais, informará a todos os grupos parlamentarios para que tomen as medidas pertinentes dentro da Comisión Parlamentaria Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG e presentará unha queixa ante a Valedora do Pobo.
O Comité aclara nun comunicado que observará especialmente que “non se lesionen os dereitos das persoas denunciantes”, garantíndolles a confidencialidade se o solicitan. E, no caso de existir solicitudes de amparo confrontadas, trasladaralle por escrito a súa resolución a cada unha das partes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.