SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2017 | Actualizada ás 19:00 por EUROPA PRESS
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, repasou este mércores no Parlamento as funcionalidades de Urxencias Sanitarias de Galicia, a aplicación do 061 para dispositivos móbiles, e adiantou que o departamento autonómico estuda ampliar as posibilidades da 'app'.
En resposta á parlamentaria popular Encarna Amigo, Vázquez Almuiña subliñou que, na actualidade, a aplicación permite facer chamadas ao 061 que envían os datos de identificación e posición xeolocalizada, así como resolver consultas ou dúbidas con facultativos do servizo.
Tamén facilita localizar centros e recursos de urxencias e emerxencias sanitarias (hospitais, centros de saúde e desfibriladores...) ou acceder a pautas de actuación de primeiros auxilios.
Para o futuro, Almuiña manifestou que se están estudando algunhas novas posibilidades como o envío de fotografías e vídeos ao 061, vídeo conferencias con profesionais do servizo, accesibilidade para pacientes con discapacidade.
Tamén se expón o seguimento dos procesos de urxencias nos hospitais, permitindo coñecer en que localización está un paciente, tempos de espera previstos ou a solicitude de drones con desfibriladores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.