A Xunta asume a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal

O cume galego-luso celébrase este luns en Braga e será clausurado polo presidente Alberto Núñez Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2017 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A localidade portuguesa de Braga acolle este luns o cumio entre Galicia e Portugal, na que a Xunta asume durante dous anos a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal. O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, será o encargado de clausurar a xornada, na que representantes dos gobernos farán balance do traballo realizado ata o momento na Eurorrexión e fixarán os obxectivos para os próximos anos.

Feijóo recibe de mans do Goberno portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique
Feijóo recibe de mans do Goberno portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique | Fonte: xunta.gal

A xornada está dividida en dúas sesións de traballo. Na primeira delas os gobernos galego e portugués centraranse en abordar "as boas prácticas de cooperación" na Eurorrexión. Nela intervirán o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o profesor da Universidade do Porto, António Figueiredo; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o presidente da asociación empresarial de Portugal, Paulo Nunes de Almeida.

Tras iso, analizarase o traballo realizado nos últimos anos e as perspectivas de futuro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. As intervencións correrán a cargo do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; e do vicepresidente da comisión de coordinación e desenvolvemento rexional do norte, Ester Silva.

No acto de clausura, Feijóo estará acompañado polo ministro de Plan e Infraestruturas do Goberno luso, Pedro Marques

SABE FEIJÓO A QUE VAI?

Galicia Confidencial preguntou o pasado xoves a Feijóo pola súa participación neste encontro e sobre os acordos que se prevén tomar. Pero o xefe do Executivo galego preferiu evadir a cuestión. “Xa se dirán na rolda de prensa que haberá despois do encontro”, limitouse a responder. “Pero supoñemos que terán unha orde do día dese encontro, non?”, insistiu este medio. A súa resposta foi ben elocuente: “Se está tan interesado acoda o luns a Braga”, contestou Feijóo.

O certo é que, ou ben Feijóo non estaba ao día do que se vai tratar en Braga ou é consciente de que non hai realmente disposición de chegar a ningún tipo de acordo de calado. Segundo fontes consultadas por GC, “é moi probable que non se chegue a ningún acordo” en Braga. De feito, este órgano, que tradicionalmente reunía aos máximos dirixentes políticos e económicos de Galicia e do Norte de Portugal, leva catro anos sen convocarse e as súas funcións están moi minguadas.

COMUNIDADE DE TRABALLO

Esta entidade foi creada no ano 1991 co obxectivo de mellorar a cooperación e coordinación trasnfonteriza entre Galicia e o norte do país luso en cuestións comúns entre ambas as rexións.

Na actualidade, a Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal está composta por catro comisións sectoriais --Desenvolvemento Sustentable e planificación; Desenvolvemento económico e turismo; Innovación e Eficiencia enerxética e cidadanía--, catro Comunidades Territoriais de Cooperación --Val do Miño, Val do Limia, Val do Támega e Val do Cávado-- e unha Comisión específica, constituída polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsula, formada por unha trintena de municipios galegos e portugueses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta