Temas: PORTUGAL FEIJóO

Feijóo clausura un cumio entre Galicia e o norte de Portugal sen saber a orde do día

O presidente galego pechará a xuntanza da Comunidade de Traballo que se reúne o luns e convida aos xornalistas a ir a Braga para saber de que se fala. É a primeira vez en catro anos que se convoca este órgano.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/05/2017 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausura o vindeiro luns a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, un órgano que non se reúne desde hai catro anos, e ao que vai, supostamente, sen coñecer a orde do día ou os supostos acordos aos que se pode chegar. 

Feijóo recibe de mans do embaixador portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique
Feijóo recibe de mans do embaixador portugués a Gran Cruz da Orde do Infante don Henrique | Fonte: xunta.gal

Galicia Confidencial preguntoulle a Feijóo pola súa participación neste encontro e sobre os acordos que se prevén tomar, se é que se vai chegar a algún. Pero o xefe do Executivo galego preferiu evadir a cuestión. “Xa se dirán na rolda de prensa que haberá despois do encontro”, limitouse a responder.  “Pero supoño que terán unha orde do día dese encontro, non?”, insistiu este medio. A súa resposta foi ben elocuente: “Se está tan interesado acuda o luns a Braga”, díxolle a este xornalista.

O certo é que Feijóo ou non sabe ou non quere informar sobre os acordos aos que se van chegar porque, segundo fontes consultadas, “é moi probable que non se chegue a ningún”. De feito, este órgano, que tradicionalmente reunía aos máximos dirixentes políticos e económicos de Galicia e do Norte de Portugal, leva catro anos sen convocarse e as súas funcións están moi minguadas.

Tal e como puido coñecer este medio, nesa xuntanza falarase das “Boas prácticas” na Eurorexión e do “balance e perspectivas da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal”. Dúas conferencias de escaso peso político e nulo contido práctico. Na primeira delas intervirán, os representantes das universidades de Porto e de Vigo, António Figueiredo e Salustiano Mato, respectivamente; o presidente da Asociación Empresarial de Portugal, Paulo Nunes e Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. Na segunda, Ester Silva, vice presidente da Comisión de coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores.

O encontro será clausurado por Pedro Marques, ministro do Planeamento e Infraestructuras de Portugal, ademais de por Feijóo. É a primeira vez que non vai ningún ministro do Goberno español. De feito, e segundo as fontes consultadas, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal non ten, agora, nada que ver a como era hai 20 anos. Entón, o ex presidente Fraga acudía durante toda a xornada. Alí estaban os máximos representantes políticos de España e de Portugal e se chegaban a acordos importantes para desenvolver a cooperación na eurorrexión en materia de infraestructuras, cultura ou asuntos sociais. 

Temas: PORTUGAL FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Será mellor que lle preguntedes ao secretario vitalicio do Eixo Atlántico a ver se é capaz de darvos unha resposta sobre o asunto ? Eu levo anos preguntándome para qué serve ese chiringuito ???

1 Veciño da raia

O único comentario que se pode facer é que non merece nin sequera un comentario. feijóo funciona a rebufo das iniciativas portuguesas que neste campo, e en moitos outros, lévannos séculos de adianto. Xa foron máis intelixentes á hora de entrar na UE e agora sono aproveitando todas as sinerxias posibles. Probas? Fíxense que cargos importantes tiveron politicos españois, xa non digamos galegos, comparados con os que desempeñaron os portugueses.