VIGO | 23/05/2017 | Actualizada ás 18:55 por EUROPA PRESS
A Confederación de Empresarios da provincia de Pontevedra (CEP) reiterou este martes a súa demanda dun tren de alta velocidade que conecte Vigo con Madrid por Cerdedo en dúas horas e media, así como a conectividade ferroviaria dos portos para transporte de mercadorías e a modernización de liña ata O Porto (Portugal), algo "estratéxico" para garantir a "competitividade" da fachada atlántica.
Así o expresou o presidente da patronal, Jorge Cebreiros, en declaracións aos medios tras manter un encontro institucional co alcalde de Vigo, Abel Caballero.
O presidente da CEP lembrou que esta organización empresarial xa trasladou estas demandas á Xunta, e tamén aos gobernos español e portugués con vistas ao cume ibérico de finais de maio. Nesa liña, Cebreiros constatou que "non é moito pedir" un primeiro investimento de 60 millóns (dos 400 que pode supor en total) para iniciar a tramitación do tramo de Cerdedo, sobre todo cando se realizan investimentos moito máis cuantiosos noutras áreas do Estado.
Así, o presidente da patronal reiterou que sente "envexa sa" da mobilización de empresarios para impulsar o corredor mediterráneo, e advertiu de que o AVE Vigo-Madrid é "irrenunciable", así como a conectividade para mercadorías. "Se perdemos ese tren, a fachada atlántica non é competitiva, e é a plataforma para chegar a América Latina e Brasil", sinalou.
Por outra banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero subliñou que goberno local e empresarios comparten a súa preocupación e reivindicación da conexión de alta velocidade. Así mesmo, o rexedor volveu a lamentar que a variante de Cerdedo "non leva adiante" por parte do Goberno español "sinxelamente porque non quere", "seguramente por influencia de Feijóo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.