SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2017 | Actualizada ás 19:48 por EUROPA PRESS
O PSdeG mostrou este martes o seu apoio a unha investigación parlamentaria do accidente ferroviario de Angrois no que faleceron 80 persoas en xullo de 2013, que apoia que leve a cabo no Congreso dos Deputados. Desta forma, será a primeira vez que, en Galicia, os socialistas emitan un voto favorable á comisión que reclaman as vítimas.
Ata a data o PSOE galego mantivera unha postura de abstención ao argumentar que o lugar para esta comisión debe ser a Cámara baixa e non a galega. E é que é a primeira vez que o Parlamento autonómico debate unha iniciativa que só demanda a investigación nas Cortes.
Este martes, o deputado de En Marea Antón Sánchez defendeu unha iniciativa no Pazo do Hórreo --que se votará o mércores-- na que se reclamaba instar á Xunta a dirixirse ao Congreso para constituír unha comisión de investigación parlamentaria sobre o sinistro.
O PP xa avanzou que se oporá a esta posibilidade para non "crear interferencias mentres está 'sub iudice" o caso, pero defende unha nova investigación técnica. Con todo, o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, que presentou unha emenda ao texto de En Marea, xa anunciou que, acéptenlle ou non a súa modificación, votará a favor da proposta polo "valor simbólico" que tería a súa aprobación.
Segundo Leiceaga, un acordo en Galicia sumado ao recente apoio do Parlamento de Castela e León --primeira cámara autonómica que apoia unha creación de comisión-- "podería ser a chave que abre a porta á investigación no Congreso dos Deputados". Por iso, mostrou o seu partido votará si "con sinceridade".
(HABERÁ AMPLIACIÓN)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.