Por Iván Puentes | Fene | 07/05/2010
Desde hai unhas semanas todo anuncio de obras, actividades e demais prebendas da Xunta de Galicia son presentadas de costas ao goberno municipal polo responsable autonómico do asunto, pegado ao aspirante a alcalde do PP nese concello.
Podemos contar por decenas os alcaldes e alcaldesas socialistas ou nacionalistas que coñeceron estes días a programación do Xacobeo no seu pobo, as vindeiras actuación da Consellería de Medio Ambiente ou os cartos que a Xunta vai destinar a ampliar o seu centro de saúde non por medio dunha chamada oficial da Xunta, senón porque viron a un conselleiro/a ou ao delegado/a territorial en rolda de prensa co voceiro municipal do PP no seu pobo anunciando tales actuacións. É intolerable!
É moito máis que unha pulla electoral, é unha violación do sistema democrático, un atraco á vontade dos galegos e galegas que elixiron libremente aos seus respectivos gobernos locais, un intento inxustificable de apropiarse do poder e do país. Os alcaldes e alcaldesas que non son do PP son resultado da soberanía popular, o seu poder e a súa representación emana da liberdade de expresión dos cidadáns, por iso obvialos e obviar algo moi básico, que o poder reside no pobo. Sei que á dereita isto da soberanía popular tradicionalmente custoulle entendelo, pero de todos nós depende defendelo ou non, pararlle os pes ou non.
Probablemente un día Feijoo soñou coa República Popular Galega, popular de pepé, non de pobo, claro e decidiu construíla, confundindo maioría absoluta con despotismo, sen ser ilustrado, que sería moito dicir e crendo que ter a metade máis un dos escanos, non dos votos, permite construír un imperio a medida, obviando á maioría de galegos e galegas, que non votaron nin a Feijoo nin ao PP. Algo ao que Fraga non só non se atreveu, senón que ata xuraría que nin imaxinou tal cousa, porque, moi de dereitas, iso si, pero el era un home de estado, institucional. Presidente, rectifique e respecte, vostede é o presidente do PPdeG, pero creo lembrar que tamén o é de Galicia. O dito, nunca tal se viu!