Por gcdeportes | Vigo | 26/05/2017 | Actualizada ás 22:05
A 60 minutos e un punto de facer historia, de cumprir o soño e a ilusión dun pobo enteiro. O Mecalia Atlético Guardés proclamarase este sábado, por primeira vez na súa historia, campión da Liga Loterías de balonmán feminino se puntúa (chega cun empate) ante o KH-7 Granollers na última xornada.
"Isto é algo histórico, o fito máis importante do balonmán galego moderno”, asume Xosé Luís Pérez Ouro, presidente da Federación Galega, lembrándose de cando a Sociedad Hípica de Coruña gañou o título hai 55 anos (tempada 1961-62). “Cando comezas, pensas: ‘Ogallá algún día poidese ser campioa de Liga’; ese día está aí, é este sábado, é o día dese ogallá”, recoñece a guardesa Estela Doiro, un dos puntais do equipo pontevedrés.
A Guarda, onde o balonmán feminino é o deporte rei, leva toda a semana preparando unha cita histórica. Balcóns, escaparates, bares e restaurantes, todos amosan o apoio ao Mecalia con bufandas e bandeiras coas cores do equipo guardés. A Sangriña quedarase pequeno, pois o pavillón estará ateigado ás 19.00 horas para apoiar as xogadoras de José Ignacio Prades na consecución do seu primeiro título, tan só cinco anos despois de acadar o ascenso á División de Honra do balonmán.
O crecemento do Mecalia Guardés nestes últimos anos foi espectacular: quintas na primeira campaña na máxima categoría, catro anos en competición europea e terceiras na Liga os dous últimos anos. Agora, o club presidido por José Manuel Silva, está a tan só un punto do título tras 50 anos de historia.
Tras caer nos cuartos de final da Copa Challenge ante o H65 Hoors sueco e nas semifinais de Copa ante o Bera Bera no Porriño, o Atlético Guardés accedeu ao liderado da Liga a falla de dúas xornadas. A finais de abril, venceu 24-21 o Bera Bera na Sangriña, pero as donostiarras mantiveron o primeiro posto polo mellor gol-average. Pero o Bera Bera, campión os últimos catro anos, perdeu na súa visita ao Rocasa Gran Canaria, e as galegas puideron acceder ao liderado en solitario. Tras vencer ao Mustang Elxe, ás guardesas chégalles cun empate este sábado ante o Granollers para acadar o seu primeiro título de Liga.
A historia recente está do lado do Mecalia Guardés, xa que non perde un partido de Liga no seu pavillón dende hai dous anos, o 2 de maio do 2015 cando caeu precisamente ante o seu rival polo título, o Bera Bera. A consigna do corpo técnico é gozar da cita histórica e tentar deixar os nervios fóra da pista. Un título agarda ao Guardés e por engadido a todo o balonmán galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.