Un ascenso e outro aspirante

O Fabril, filial do Deportivo, regresa a Segunda B tras vencer 2-0 ao Cacereño en Riazor ante 10.000 espectadores. Á espera do que faga o Rápido de Bouzas, clasificado para a segunda eliminatoria tras golear 4-0 ao Cayón cántabro, Galicia volve contar con seis equipos na 2ªB: Celta B, Pontevedra, Racing de Ferrol, Coruxo, Boiro e Fabril.

Por gcdeportes | A Coruña / Vigo | 29/05/2017 | Actualizada ás 08:53

Comparte esta noticia

Outro equipo galego na Segunda B. O Fabril, filial deportivista, venceu o Cacereño por 2-0 en Riazor ante 10.000 espectadores e confirmou o regreso a Segunda B tras gañar a eliminatoria directa entre os campións de grupo da Terceira.

Os xogadores do Fabril celebran o 2-0 definitivo en Riazor.
Os xogadores do Fabril celebran o 2-0 definitivo en Riazor. | Fonte: @RCDeportivo

Foi unha vitoria sufrida, xa que ata o minuto 90 non chegou o 2-0 e un gol visitante (0-0 na ida) clasificaba o Cacereño. Tras chegarse 0-0 ao descanso, Borja Galán adiantou o Fabril no primeiro minuto do segundo tempo. Con vantaxe no marcador, o filial deportivista foi superior, pero Álex Cobo tivo que intervir para evitar o empate tras un remate visitante nun balón solto no minuto 84. A sentenza para os de Cristóbal Parralo foi obra do capi Álvaro Queijeiro, que reaparecía tras unha lesión no ombreiro, que fixo o 2-0 no minuto 90. O Dépor B volve ascender a Segunda B: o último ascenso fóra hai sete anos, na campaña 2009-10.

Deste xeito, á espera do que faga o Rapido de Bouzas, clasificado de xeito brillante para a segunda eliminatoria, Galicia contará de novo con seis equipos na Segunda B. Tralo descenso do Somozas, o Deportivo B únese a Celta B e Pontevedra (eliminados esta fin de semana na fase de ascenso a Segunda División), Racing de Ferrol, Coruxo e Boiro.

O Rápido de Bouzas pasa á segunda eliminatoria grazas a súa vitoria nos dous partidos ante o CD Cayón cántabro. Tralo 0-2 na ida, os de Patxi Salinas golearon 4-0 ao seu rival no Baltasar Pujales e estarán no sorteo desta tarde das semifinais polo ascenso.

Pola súa parte, Cerceda e Bergantiños quedaron eliminados na primeira eliminatoria. Os de Luís Lemos caeron contra Jerez CF 6-5 nos penaltis tralo 0-0 nos dous partidos e o Bergantiños empatou 0-0 na súa visita ao Badajoz, clasificándose os estremeños polo 2-2 da ida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta