Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2017 | Actualizada ás 14:16
A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias emitirá un informe desfavorable á petición presentada pola empresa Erimsa para desenvolver un proxecto de extracción de seixo na área do municipio coruñés de Mesía. Así o avanzou este venres o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, a pregunta do deputado do BNG Xosé Luís Rivas Cruz 'Mini' durante a Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
A cuestión partiu do deputado nacionalista, quen cuestionou a Pérez Dubois sobre o proxecto mineiro exposto pola empresa Erimsa -que pertence á norueguesa Elkem AS, á súa vez integrada na multinacional chinesa Blue Star- para a extracción de seixo na comarca de Ordes.
Segundo 'Mini', este proxecto, con catro actuacións que afectarían os municipios de Ordes, Oroso, Mesía e Frades; pon "en perigo" o sector agrario dunha "zona puxante en gandaría" a través dun sistema de extracción con "maquinaria moi pesada" que "é lesivo" co medio ambiente.
Na súa intervención, Pérez Dubois manifestou que o proxecto está "en fase de estudo" acorde a unha lei aprobada nos anos do bipartito, polo que tanto o departamento de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias como a Dirección Xeral do Medio Rural e Montes se atopan en proceso de elaboración dos seus respectivos informes.
Con todo, tras ser interpelado de novo polo deputado do BNG logo da súa primeira intervención, que reclamou a Pérez Dubois que deixase claro o seu posicionamento, este avanzou que Agricultura emitirá un informe desfavorable ao proxecto.
"PRESIÓNS" AOS VECIÑOS
O deputado nacionalista sinalou que a empresa encargada do proxecto "está a xogar coa desesperación da xente" e que os veciños reciben "presións" para vender os seus terreos.
"O lume non se pode apagar con gasolina", aseverou o parlamentario frontista en relación á delicada situación do rural, para logo emprazar ao Goberno do PP a "demostrar que militan en Galicia" coa súa oposición a un proxecto que pon en perigo "26 explotacións gandeiras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.