Fillas de Breogán, campioas ibéricas

O equipo coruñés vence na gran final a Irmandinhas da Estrada e revalida título do Campionato Ibérico, tras acadar este ano Liga e Copa galegas. Irmandinhos, segundos en categoría masculina tras caer na final con Madrid Harps.

Por gcdeportes | A Coruña | 04/06/2017 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

Espectaculares as Fillas de Breogán, que tras gañar este ano Liga e Copa galegas, puxeron o colofón a unha brillante campaña revalidando título no Campionato Ibérico de fútbol gaélico. A coruñesa cidade deportiva da Torre acolleu este sábado a final da Liga Ibérica por primeira vez en Galicia, e as anfitrioas, Fillas de Breogán, impúxose na final a Irmandinhas da Estrada 4-5 (17) / 2-3 (9). En categoría masculina, Irmandinhos da Estrada foi segundo, tras caer na gran final contra Madrid Harps, que venceu 3-9 (18) / 0-9 (9).

Fillas de Breogán celebra a vitoria na gran final da Liga Ibérica.
Fillas de Breogán celebra a vitoria na gran final da Liga Ibérica. | Fonte: @FillosdeBreogan

Fillas de Breogán gañaron todos os seus partidos, catro na fase previa: Pontevedra FG (0-12 / 0-3), Herdeiras de Dhais (2-4 / 0-4), Irmandinhas da Estrada (1-6 / 0-1) e Madrid Harpettes (2-2 / 2-6). Na gran final para revalidar o título, as coruñesas enfrontáronse a Irmandinhas, segundas na fase previa con tres vitorias. Fillas foi superior durante o primeiro tempo (1-4 / 0-2), as estradenses tentaron achegarse no marcador cun gol no arrinque do segundo acto, pero Fillas acabou impoñéndose de xeito claro cun 4-5 (17) / 2-3 (9) para proclamarse campioas Ibéricas.

En categoría masculina, participaron Fillos de Breogán, Estrela Vermelha, Irmandinhos da Estrada e Madrid Harps. Os madrileños gañaron os tres partidos da fase previa e Irmandinhos venceron a Fillos de Breogán por un apertado 2-6 / 2-8 e a Estrela Vermelha por 1-7 / 3-6. Na gran final, superioridade de Madrid Harps ante Irmandinhos e vitoria por 3-9 / 0-9.

Na entrega de trofeos estiveron presentes, José Manuel Sande, concelleiro de Cultura e Deporte da Coruña, e David Cooney, embaixador de Irlanda en España. As dúas finais foron emitidas polo segundo canal da TVG.

As gañadoras, co embaixador irlandés David Cooney.
As gañadoras, co embaixador irlandés David Cooney. | Fonte: @ConcelloCoruna
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta