SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2017 | Actualizada ás 19:01 por EUROPA PRESS
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pediu "altura institucional" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras as declaracións que este último fixo este xoves sobre o próximo Xacobeo de 2021.
"Eu prefiro ao presidente que ten altura institucional [...] que ao que se pon a camiseta de Monte Faro", subliñou Noriega, tras ser preguntado polas declaracións do presidente da Xunta.
En concreto, Feijóo destacou este xoves a importancia da "revitalización" do Monte do Gozo e a tarefa da Xunta coa vista posta no próximo Xacobeo de 2021, á vez que constatou que esta, polo momento, está "a traballar de forma bastante solidaria".
Preguntado acerca de se esta crítica ía dirixida ao Concello de Santiago, Feijóo rexeitou pór nomes e replicou, en termos xerais, que bota de menos "actuacións doutras institucións" porque as "descoñece".
Pola súa banda, o alcalde de Santiago asegurou que non se "sente interpelado por esta sutileza": "O Concello non só está a cooperar coa Xunta en cuestións que son competencia da Xunta", indicou o rexedor compostelán en alusión ao Monte do Gozo, para logo engadir que "son moitas as reunións que se celebraron no Concello por cuestións urbanísticas" e que o Consistorio colaborou con Turismo de Galicia.
"Non entendo ben como interpretar esas declaracións máis aló do rumbo partidario. Empézome a quedar só na reivindicación dun espazo de cooperación institucional", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.