Noite negra en San Xoán cun mozo asasinado por disparo en Redondela

Un home de 43 anos disparou a outro de 25 na praia de Arealonga. Segundo testemuñas, o asasino disparoulle logo de que a vítima lle recriminase que estivese ouriñando cara un grupo de mozos. O agresor portaba unha arma de gran calibre.

Por Europa Press / Redacción | Redondela | 24/06/2017 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Un mozo de 25 anos, nado en Redondela e veciño de Vigo, faleceu na madrugada deste sábado, noite de San Xoán, ao recibir un disparo doutro home de 43 anos na praia de Arealonga, na parroquia de Chapela, en Redondela (Pontevedra).

Un home de 25 anos foi asasinado dun disparo na noite de San Xoán na praia de Arealonga, na parroquia de Chapela, en Redondela
Un home de 25 anos foi asasinado dun disparo na noite de San Xoán na praia de Arealonga, na parroquia de Chapela, en Redondela | Fonte: TVG.

Segundo informaron fontes policiais, o suceso tivo lugar ás 5,45 horas. Nese momento, varias persoas alertaron ao 091 de que se rexistraran uns disparos e que un deles alcanzara a un mozo, que se atopaba "moi grave". Tras recibir o aviso, varias dotacións da Policía Nacional desprazáronse ao lugar, onde os servizos sanitarios confirmaron o falecemento do novo.

Estas fontes policiais explicaron que non había relación entre ambos e que os feitos se produciron despois de que, segundo as testemuñas, a vítima e un amigo lle recriminasen ao agora detido "algunha pequena cuestión relativa a normas de urbanidade". En concreto, que ouriñase cara onde estaba un grupo de mozos dende unha zona alta. Nese momento, conforme apuntan as mesmas fontes, o presunto agresor "abriu fogo" sobre a vítima e o seu amigo, que non foi alcanzado ao conseguir escapar. 

DETENCIÓN DO PRESUNTO AUTOR

As mesmas fontes explicaron que "grazas á axuda cidadá", que facilitaron detalles do presunto agresor, este foi detectado "non moi lonxe do lugar". Unha vez localizado, os axentes rodeárono e tomaron "medidas preventivas" para evitar que puidese efectuar máis disparos, xa que portaba unha arma de gran calibre e reducírono.

O presunto autor, que permanece detido en dependencias policiais, foi arrestado cando acababa de subir a un taxi cun arma de fogo de gran calibre e tras ser descrito polas testemuñas dos feitos. O asasino é da zona da Riouxa de Vigo r ten varios antecedentes por delitos.

Ao lugar dos feitos, ademais das dotacións que interviñeron, acudiu a policía científica, a policía xudicial e a comisión do xulgado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta