Política, fubol e medios de comunicación

Algúns pensaban que a vitoria da selección española de fútbol podía actuar como bálsamo de Fierabrás curativo dos desencontros presentes na vida política e converter o debate anual do Congreso dos Deputados nun oasis de bo talante e maior consenso.

Por Xesús Veiga | Santiago | 21/07/2010

Comparte esta noticia

Unha cousa é recoñecer que os masivos espectáculos deportivos constitúen unha oportunidade para que se expresen os sentimentos existentes nunha parte do corpo social –entre eles o de pertenza a unha determinada comunidade nacional- e outra moi diferente é aproveitar a conxuntura para construír relatos de certo contido ideolóxico coa pretensión de facelos representativos da realidade social vivida.

Que moitas das persoas afeccionadas ao fútbol manifestaran a súa ledicia mediante unha explícita afirmación do sentimento de pertenza a España nin é novidoso (repásense os barómetros do CIS dos últimos anos) nin debería ser confundido coa expresión dunha identificación co nacionalismo español excluínte que apareceu reflectido na maioría das tribunas de opinión dos medios de ámbito estatal.De xeito semellante, non é serio tomar o entusiasmo futbolístico como síntoma dunha aposta pola continuidade de Zapatero ou da urxente chegada de Rajoy á Moncloa ou mesmo da hipotética conformación dun goberno de “salvación nacional”.

O espectáculo parlamentario de hai poucos días rematou coas mistificacións elaboradas polos comentaristas mais excitados coa xesta deportiva.Todos os líderes políticos seguiron o guión básico previsíbel.Só houbo dúas circunstancias parcialmente inéditas:a petición expresa de eleccións inmediatas por parte do máximo dirixente do PP e os efectos da sentenza do Estatut no xogo retórico rexistrado no propio debate.Rajoy reivindicou as urnas para satisfacer aos que non se conforman con que o goberno do PSOE realice un anticipo da política económica do PP e queren disfrutar de todo o poder político sen mais demora.De paso, evitou, parcialmente, que o debate sobre as peripecias do Estatut deixara en evidencia o seu total illamento a respeito das restantes formacións políticas (coa coñecida excepción da sigla de Rosa Díez).

O debate permitiu constatar o paradoxo no que se move a política española actual:o goberno de agora (PSOE) e o que prognostican as sondaxes para o futuro (PP) non son capaces de suscitar apoios parlamentares significativos.Ambos coinciden en aceitar as receitas ditadas polos infalíbeis deuses dos mercados financeiros pero non queren gobernar xuntos como fixeron en Alemaña, hai poucos anos, os seus partidos irmáns.
Quen busque a solución a este labirinto que non acuda ao mercado deportivo.Xa están esgotados os produtos de maior valor engadido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.