SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2017 | Actualizada ás 14:30 por EUROPA PRESS
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou o V Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, bautizado como 'Corazón da Artesanía', que se celebrará entre o venres 7 e o domingo 9 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra).
"Esta cita consolídase como a celebración de referencia da artesanía galega", afirmou Sol Vázquez na rolda de prensa á que, ademais asistiron o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, e o presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, Albino Quinteiro.
Durante este tres días de "mostras de tradición e vangarda", exhibirase o traballo de 50 artesáns que representan 23 oficios diferentes nun total de 33 postos de exposición e venda.
Tanto o público adulto como o máis novo atopará unha "ampla" oferta familiar en talleres abertos para iniciarse no gravado, a cerámica ou a elaboración de calzado con materiais reciclados. Ademais, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organizará cursos formativos de previa inscrición sobre sombreirería, cestaría ou instrumentos musicais tradicionais. Como novidade deste ano, celebrarase o sábado 8 o primeiro 'Campus dos oficios' sobre a madeira e o seu valor artesán, industrial e forestal.
Tamén haberá ofertas en gastronomía con postos de produtos como conservas, licores, mel ou doces, ademais de diferentes 'food trucks'. No programa musical que complementa esta cita inclúense os concertos de Galifunk Brass e Radio Cós, o venres 7 ás 22,30; a actuación da Banda Municipal de Agolada, o sábado 8 ás 13,00 horas e os pasarúas do grupo Bico de Balouta, ese mesmo día ás 18,00 horas. O domingo 9 amenizará a sesión vermut a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos e ás 19,30 actuarán o Coro Tradicional e o Grupo de Baile de Cantigas e Agarimos.
Para facilitar a asistencia, haberá servizo gratuíto de autobuses desde Lalín e Melide e zona habilitada de cámping tamén gratuíta. Toda a información sobre estes servizos e o evento poderase consultar na web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.