SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2017 | Actualizada ás 14:28 por EUROPA PRESS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que desexaría que "a noticia de hoxe" fose que se abre no Parlamento galego unha comisión de investigación para depurar as responsabilidades políticas do accidente ferroviario de Angrois e cualificou de "vergoñento" que non a haxa cando a oposición unida podería activala.
"Gustaríame que hoxe puidésemos estar a rexistrar conxuntamente unha solicitude de comisión no Parlamento de Galicia", manifestou, en declaracións aos medios, durante unha visita ao IES Rosalía de Castro, á vez que subliñou que, "se o tres grupos" da oposición --BNG, PSdeG e En Marea-- apoiasen esta iniciativa, sería posible "automaticamente".
Manifestouno na mesma xornada na que o PSOE rexistra a solicitude de comisión no Congreso e o PSdeG, que apoia este paso nas Cortes, reafírmase en que as competencias para o impulso dunha comisión política residen no ámbito estatal, non no galego.
Con todo, Pontón considera "vergoñento" que "o país no que se produciu" o accidente do Alvia, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, teña as "portas pechadas" a unha comisión.
"UN PUNTO DE VISTA DIFERENTE"
De feito, mostrouse convencida de que impulsar esta comisión no Parlamento de Galicia "si achegaría un punto de vista diferente do que pode facer o Congreso".
"O ERTMS segue sen estar instalado, vemos que non se adoptou ningunha medida real de seguridade e segue habendo unhas responsabilidades políticas sen depurar. Gustaríame que a noticia de hoxe fose que creamos esa comisión en Galicia", insistiu, á vez que evitou concretar se o BNG tratará de volver impulsar este órgano na Cámara autonómica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.