Gas Natural Fenosa só dedicou tres días a estudar as especies afectadas polo proxecto eólico Mouriños

Salvemos Cabana presentará alegacións ao parque eólico e di que "debería considerarse como ambientalmente inviable" polo impacto sobre aves e morcegos.

Por Galicia Confidencial | Costa da Morte | 24/07/2017 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

Salvemos Cabana denuncia que Gas Natural Fenosa só dedicou tres días a estudar as especies de aves e morcegos afectadas polo proxecto eólico Mouriños. Así o recoñeceu o biólogo contratado pola empresa na documentación presentada na que indica que desenvolveu durante os días 16,1 7 e 18 de setembro de 2016 o traballo de campo. Ademais, tal e como recolle esa documentación, "as limitacións das monstraxes ao realizarse estas durante o período postreprodutivo o cal dificulta a detección de moitas especies reprodutoras residentes e da maioría de especies reprodutoras estivais".

Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos
Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos | Fonte: Salvemos Cabanas

Precisamente, a plataforma ecoloxista alertou do perigo que podería supoñer este proxecto eólico de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte para a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), páxaro en perigo de extinción, incluído no Catálogo Galego de Especies ameazadas, para o que a Xunta puxo en marcha en 2013 un plan de recuperación.

Por iso, agora denuncia esta situación "totalmente deficitaria a nivel de investigación da biodiversidade" na Serra do Gontón, que, di, contrasta cos obxectivos do estudo entregado pola filial da enerxética. Estes eran "prospectar totalmente o polígono de investigación e así avaliar o estado dos hábitats e as especies de aves presentes así como para a realización dos censos" e "establecer a importancia das posibles poboacións locais de quirópteros asentados nas inmediacións da área de afección do parque eólico e avaliar os posibles impactos, tanto directos como indirectos".

Tanto a Asociación Española para a Conservación e o Estudo dos Morcegos (SECEMU), entidade domiciliada no Departamento de Ciencias da Vida da Facultade de Bioloxía da Universidade de Alcalá de Henares como as principais sociedades ornitolóxicas internacionais, recomendan polo menos un ciclo anual completo de estudo na fase previa antes de proceder á tramitación de calquera tipo de proxecto eólico.

Aves e morcegos, principais prexudicados

Salvemos Cabana destaca que no desenvolvemento de enerxía eólica que implique a instalación de aeroxeradores, as aves e os morcegos son os que levan a peor parte, pois poden chocar con distintas partes do aeroxerador ou con infraestruturas complementarias, como cables eléctricos e diversos tipos de mastros con sensores.

Segundo sinala a Unión Europea nun dos seus principais informes sobre enerxía eólica "o risco pode ser especialmente grave para as especies que son lonxevas, que teñen unha baixa taxa de reprodución, que son escasas ou que xa se atopan nun estado de conservación vulnerable", como no caso de dous tipos de morcegos en status "case ameazado" detectados na Serra do Gontón, o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), cuxa presenza recoñece o estudo achegado pola empresa promotora, e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), que tamén aparece incluído na zona polo "Atlas de Morcegos de Galicia".

"Ademais, está o risco de perturbación das especies pola propia actividade deste tipo de proxectos industriais por mor das actividades de preparación das infraestruturas, o impacto visual, os altos niveis de ruído e as vibracións", sinala. Tamén fan referencia ao risco do denominado "efecto barreira", que pode obrigar ás aves a cambiar de dirección, tanto durante as migracións como a escala máis local durante as súas actividades regulares de alimentación.

Doutra banda, os morcegos afrontan o denominado "barotrauma", provocado pola rápida redución da presión atmosférica preto das aspas en movemento. Neste caso, ao tratarse de especies como as antes indicadas, cunha baixa taxa de reprodución anual e unha esperanza de vida alta, os expertos sinalan que poden ser vulnerables mesmo a unha pequena mortalidade adicional.

Paralización do proxecto

A entidade ecoloxista entende que, por estes e outros factores, e facendo unha valoración final da documentación achegada pola empresa e as moitas fisuras do proxecto, a Xunta de Galicia "debería consideralo como ambientalmente inviable", tal e como consta no documento de alegacións que a Plataforma presentará en prazo ao Expediente IN661A 2011/10-1.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta