Pontón afea a Feijóo que ampare "a tomadura de pelo" de Mariano Rajoy na súa declaración pola trama Gürtel

Reclama ao presidente galego que ofreza explicacións sobre "os vínculos" do PPdeG coa trama, na que Galicia foi "moeda de cambio"

| 27/07/2017 | Actualizada ás 17:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afeou as declaracións do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "amparando a tomadura de pelo" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durante a súa declaración do pasado mércores na Audiencia Nacional no marco da investigación sobre o presunto financiamento ilegal do PP.

Ponton Advirte Conexion Galega Gurtel Q Salpica Feijoo
Ponton Advirte Conexion Galega Gurtel Q Salpica Feijoo | Fonte: Europa Press

Este xoves, a líder frontista instou ao xefe do Executivo autonómico e presidente dos populares galegos a ofrecer explicacións sobre "os vínculos" do PPdeG coa trama Gürtel, unha conexión que é "evidente" como, segundo Pontón, se reflicte "en toda a documentación que se fixo pública" sobre o caso.

"Na Gürtel hai evidencias de que Galicia era a moeda de cambio, usada polo PP entre as empresas implicadas", aseverou, para logo incidir en que existen "indicios de irregularidades" no financiamento da campaña das autonómicas de 1999, como o "pago en negro por mitins" e "a contratación da empresa cabeceira da Gürtel: Special Events".

Así, continuou, esta empresa "facturou traballos de asesoría en materia de agricultura por 156.000 euros" que "nunca apareceron" e que o seu antigo xerente recibiu "1,8 millóns de euros en donativos opacos".

Para Pontón, esta documentación "afecta directamente ao PPdeG e salpica a Feijóo", polo que o titular da Xunta debería explicar estas "zonas escuras" no financiamento do seu partido e, deste xeito, "non tentar pechar en falso este caso" para que "nunca" se saiba "a verdade".

"Está claro que no PP non hai ningún interese en colaborar coa xustiza para esclarecer o financiamento ilegal desta forza política. O único que se quere é converter isto nun muro de ocultación", apostilou.

DECLARACIÓN RAJOY

Pontón ve na declaración do pasado mércores de Mariano Rajoy "un retrato da corrupción do PP e da descomposición do réxime do Estado", que, ademais, reflicte que "a xustiza non é igual para todos".

Así, tras asegurar que a comparecencia xudicial do presidente do Goberno foi "un insulto á intelixencia de todas as persoas", a líder frontista asegurou que Rajoy "ten a mesma credibilidade que a infanta Cristina cando dicía que non sabía nada das contas de Urdangarín".

A continuación, criticou a actuación do xuíz, quen ofreceu un "trato de privilexio" a Rajoy "amparando que non dese as explicacións que tiña que dar", o que "non dá ningunha confianza en como vai ser tratado desde un punto de vista xudicial a corrupción do PP".

"RÉXIME EN DESCOMPOSICIÓN"

Por último, cre que "a imaxe" de ver a un presidente do Goberno declarando sobre o suposto financiamento ilegal do seu partido é un reflexo de "ata que punto este Estado está en réxime de descomposición".

"É un insulto á intelixencia que a súa comparecencia se produza sendo el presidente do Goberno, algo no que teñen responsabilidade directa as forzas estatais que tiveron unha oportunidade clara de impedir que Rajoy fose presidente", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta