Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/08/2017 | Actualizada ás 08:00
A Policía Nacional acúsaos dun delito contra os dereitos dos inmigrantes, por telos presuntamente traballando sen contrato e Seguridade Social. Unha das tarefas que a Brigada de Estranxería di que facían os emigrantes é, precisamente, a limpeza de autobuses de Empresa Gavilanes.
23.000 euros en catro anos
Na acta da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense de 8 marzo de 2013, aprobouse por unanimidade o pago de dez facturas a esta compañía de transportes. Son por cantidades pequenas e medianas, entre 270 e 9.100 euros. A maioría dos servizos corresponden ao traslado de bandas de gaitas e corais.
O 20 de outubro de 2016 a Xunta de Goberno recoñeceu o pago doutra factura, 2.475 euros por “traslados varios”. En total, estas once contratacións a Deputación a Empresa Gavilanes SL suman máis de 23.100 euros.
Ao seren cantidades non moi grandes, a Administración non ten obriga de sacar o contrato a concurso público. Abóndalle con pedir orzamento, e logo aprobar o pago da factura unha vez realizado o servizo.
A Deputación de Ourense está gobernada polo PPdeG, o mesmo partido no que milita Gavilanes dende 1987. O pago das facturas foi aprobado co voto a favor dos partidos da oposición.
Manuel Baltar, presidente provincial e do PP de Ourense, non tomou medidas polo de agora. Interpelado no último pleno, limitouse a sinalar que “falei con el e persoalmente nega todo o que se desprende dos informes”. O líder conservador pide respecto a presunción de inocencia e aos tempos da xustiza. Gavilanes, o seu fillo e a súa muller foron detidos, pero quedaron libres, con cargos, as poucas horas.
Non lle paga aos condutores portugueses, di o BNG
En todo caso, a oposición xa explotou as detencións para recordar o polémico pasado empresarial do edil. «Hai anos que vén tendo problemas coa xustiza, con casos como o do taller de costura, os da súa empresa de transportes, as canteiras e, nalgúns casos, con sentenzas xudiciais por todos coñecidas. E no caso da súa empresa de transporte cun importante número de impagos a condutores dos seus autobuses, polo xeral cidadáns portugueses que acaban desistindo nas súas reclamacións», dixo Ramiro Rodríguez do BNG.
De acordo ao dito polo Bloque e de confirmarse a denuncia da Policía enviada ao xulgado, non sería a primeira vez que Gavilanes se aproveita de traballadores foráneos.
Ante esta situación, o sindicato CIG xa pediu a fin das contratas públicas con Empresa Gavilanes. Ademais das citadas contratas coa Deputación, a compañía familiar gañou dous lotes do 065, o servizo de transporte de anciáns e dependentes da Xunta. A Policía di que outra das tarefas que facían os emigrantes era, precisamente, acompañar anciáns.
Gavilanes, ademais, acaba de gañar unha liña no novo concurso de transporte da Xunta.
O alcalde nega as acusacións
O cargo público investigado defende con rotundidade a súa inocencia. "Non son un delincuente, nin me dedico a explotar á persoas” respondeu a Europa Press.
De acordo a súa versión, a súa familia (a súa muller tamén foi detida) “ofreceulles axuda humanitaria a cambio de nada" a través de Cáritas e asociacións de inmigrantes.
O edil asegura que “en ningún caso” estivo traballando ninguén na súa empresa de transportes, o que contradí a versión da Policia Nacional trasladada ao xulgado. Na súa opinión, a operación só e unha iniciativa dalgún funcionario que busca unha medalla. Eles, asegura, só quixeron axudar aos inmigrantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.