Por E.P. | Vigo | 15/08/2017 | Actualizada ás 17:30
O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) convértese nun dos primeiros no mundo en incorporar MR-CAT, unha nova técnica de diagnóstico por resonancia deseñada por Philips que supón un "salto cualitativo" para planificar os tratamentos de radioterapia.
Este sistema supón un "importante avance", segundo a Xunta, tanto para os profesionais como para os pacientes de oncoloxía e pon ao Chuvi na "vangarda mundial" do tratamento do cancro.
O MR-CAT está instalado no Hospital Álvaro Cunqueiro e as planificacións de radioterapia realizaranse, posteriormente, no Hospital do Meixoeiro.
Ata agora, a planificación da radioterapia baseábase na combinación de dúas probas de diagnóstico por imaxe: a resonancia magnética (RM), que permite delimitar a zona tumoral a irradiar, e a tomografía computerizada (TC), que cuantifica a dose de radiación a aplicar. O novo sistema combina ambas utilizando unicamente a resonancia para determinar o tratamento que se vai a administrar.
AFORRO DE RADIACIÓN
O xefe de servizo de Radiofísica do Chuvi, Manuel Salgado, valorou que a resonancia é unha modalidade de imaxe "da que xa non se pode prescindir" neste ámbito, e afirmou que, anteriormente, coa realización de dúas imaxes, era "inevitable" que fosen distintas e que, por iso, "non era fácil" facer unha correlación de ambas.
"Non se pode obviar que isto facilita o traballo, xa que se evita unha visita do paciente ao hospital, co aforro consecuente dunha dose de radiación, xa que non hai que facerlle a tomografía computerizada", afirmou o responsable.
O MR-CAT está a utilizarse "con éxito" nos tumores de próstata, segundo informou a Xunta. Salgado, pola súa banda, asegurou que non descartan utilizalo noutras patoloxías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.