Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2017 | Actualizada ás 17:23
A eurodeputada galega integrada en Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lida Senra (AGEe), denunciou ante a Comisión Europea que a Fundación Francisco Franco, que xestiona as visitas ao Pazo de Meirás, fai "apoloxía do xenocidio e da ditadura".
Senra rexistrou unha pregunta por escrito dirixida ao ente comunitario na que informa da "gran indignación en Galicia e no resto do Estado español que está a xerar" o feito de que a Fundación Franco xestione as visitas guiadas ao Pazo de Meirás, un Ben de Interese Cultural (BIC), cuxa propiedade ostenta a familia do ditador, despois de ser, engade, "expoliado ao pobo e a través de expropiacións de terras e extorsión con subscricións populares obrigatorias".
A eurodeputada galega tacha de "intolerable" o feito de que a Fundación asegurase hai semanas que é "unha honra e unha excelente oportunidade mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco".
Ante esta situación, lembra que todos os Estados membros deben cumprir a Decisión Marco 2008/913/JAI do Consello, relativa á loita contra o racismo e a xenofobia. Atendendo a este principio, Lidia Senra pídelle á CE que se sitúe sobre se considera que a postura da Fundación é un "insulto ás vítimas do franquismo" e "un exercicio de apoloxía do xenocidio e da Ditadura".
A eurodeputada tamén pide á Comisión Europea o seu posicionamento sobre o feito de que a Fundación sexa a encargada das visitas guiadas ao Pazo de Meirás, que se sitúa no municipio coruñés de Sada.
En aras a cumprir a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, a eurodeputada insta á Comisión Europea a porse en contacto co Estado español e coa Xunta e "tomar as medidas que sexan necesarias para atallar esta situación", "condenar o franquismo e esixir a prohibición real da apoloxía da ditadura franquista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.