Temas: ABANCA MEXILLóN

O sector mexilloeiro contará con créditos personalizados para impulsar o seu negocio

Abanca e a cooperativa Amegrove asinan un acordo para que o sector conte cunha oferta financieira personalizada.

Por GC Emprende | A Coruña | 23/08/2017 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Abanca e a cooperativa Amegrove asinaron un acordo de colaboración que ten como principal obxectivo impulsar, a través do financiamento, o sector mexilloeiro que a entidade bancaria define como "estratéxico para Galicia".

Arroaces arredor de bateas
Arroaces arredor de bateas | Fonte: BDRI.

Nun comunicado, o banco explicou que o protocolo asinado inclúe unha oferta financeira personalizada ao sector, orientada principalmente a finalizar o acceso ao crédito aos profesionais integrados na cooperativa Amegrove.

O director de zona de Abanca en Pontevedra Centro, José Luís Ramírez Matos, e o presidente de Amegrove Sociedade Cooperativa, Francisco Padín, foron os encargados de rubricar o acordo.

En circulante, conforme sinalou o banco, oferta produtos como Credimar, unha póliza de crédito de ata cinco ano sen comisións que permite, entre outras cuestións, anticipos por paro biolóxico; Anticipo Mar, para adiantar sen comisións o cobro de subvencións e impostos; ou Confir-Mar, para o anticipo de provedores ou liñas de desconto comercial.

Ademais, entre outras cuestións, os cooperativistas poderanse beneficiar das liñas de financiamento do Plan Activamos, que Abanca puxo en marcha en colaboración co catro deputacións provinciais galegas, así como dos programas de financiamento oficial do Igape e ICO e das liñas canalizadas a través das sociedades de garantía recíproca (Afigal e Sogarpro).

ACORDOS CON CONFRARÍAS

Esta alianza de Abanca con Amegrove, segundo explicou a entidade financeira, súmase aos acordos que a entidade mantén con boa parte das confrarías galegas e as principais organizacións do mar no marco da súa estratexia de apoio ao sector primario. Así, a través de Abanca Mar, o banco pon a disposición do sector un crecente catálogo de produtos.

Amegrove é unha cooperativa constituída en 1977 e que conta con case 400 socios e unha frota dun centenar de embarcacións. Actualmente, conta con 335 bateas e unha capacidade de produción total de 22.000 toneladas de mexillón ao ano, coas que abastece tanto o mercado nacional como internacional.

Temas: ABANCA MEXILLóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta