Gómez Noya, vitoria en Iowa

O triatleta galego gaña con claridade a proba Des Moines Escape Triathlon a seis días do seu principal obxectivo deste ano, o Campionato do Mundo de Ironman 70.3 en Chattanooga (Tennessee).

Por gcdeportes | Pontevedra | 04/09/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Xa gañara en dúas ocasións anteriores, e venceu de novo en Iowa. Javi Gómez Noya acadou a vitoria con manifesta superioridade na proba de Des Moines Escape Triathlon, a tan só seis días do seu principal obxectivo deste ano: o Campionato do Mundo Ironman 70.3 que se disputará o vindeiro sábado en Chattanooga (Tennessee).

Gómez Noya, vitorioso de novo en Des Moines.
Gómez Noya, vitorioso de novo en Des Moines. | Fonte: @EscapeSeriesTri

A proba deu comezo ás sete da mañá nos EUA (14:00 hora galega), sobre distancia olímpica sen drafting. E Javi Gómez Noya foi o máis rápido dende a saída, acadando a vitoria cun tempo final de 1h:42:38, con 47 segundos de vantaxe sobre Jason West, segundo, e máis de dous minutos sobre o terceiro no podio, Rodolphe Von Berg.

O ferrolán empregou 18:45 na natación, 52:55 nos 40 quilómetros de ciclismo e uns espectaculares 29:20 nos dez quilómetros de carreira a pé na última proba de preparación para o Mundial de medio Ironman. Deste xeito, Gómez Noya presentarase na liña de saída de Chattanooga con dúas vitorias nas súas dúas últimas competicións: Montreal nas Series Mundiais e Des Moines.

Ademáis, con esta vitoria, o triatleta galego consegue un premio de 20.000 dólares e gaña unha praza para participar na gran final do 2018 Escape from Alcatraz Triathlon na baía da cidade estadounidense de San Francisco.

En setembro do 2014, tan só unha semana despois de acadar o seu cuarto título de campión das Series Mundiais de tríatlon, Javi Gómez Noya gañou o seu primeiro título de Ironman 70.3 en Mont Tremblant (Canadá). O vindeiro sábado, en Tennessee, buscará o segundo. Os seus principais rivais serán Tim Reed, que defende o título acadado o ano pasado; o alemán Sebastian Kienle, campión en 2012 e 2013 e campión do Mundo Ironman en Hawai no 2014, ou o surafricano James Cunnama, con vitorias como no mítico Embrunman 2016.

Gómez Noya entra na liña de meta en Iowa.
Gómez Noya entra na liña de meta en Iowa. | Fonte: @EscapeSeriesTri

Resultados Des Moines:

1. Javier Gómez Noya 1h.42.38
2. Jason West 1h:43.25
3. Rodolphe Von Berg 1h:44.39
4. Jackson Laundry1h.46.26
5. Kevin Collington 1h:47:37

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta