Abegondo fracasa no seu plan de recuperación de fontes contaminadas financiado pola UE

Científicos de Galicia e Portugal constatan que as accións realizadas non foron suficientes para mellorar a calidade da auga das fontes e mananciais suxeitos ao plan de recuperación.

Por Galicia Confidencial | Abegondo | 22/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un plan parcialmente fracasado. Esa é a conclusión que se pode extraer dun estudo sobre a aplicación do proxecto europeo LIFE+ Aqua Plann no Concello de Abegondo. Un dos obxectivos era que Augas de Galicia recuperase varios puntos de auga contaminados no municipio. Porén, o obxectivo non se acadou, xa que "a eficiencia das medidas de restauración foi parcialmente reducida", segundo os datos aportados por investigadores do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña e do Laboratório de Cartografia e Geologia Aplicada do Instituto Superior de Engenharia do Porto.

Fontes de Abegondo tras a súa restauración: 1 Vilanova, 2 Outeiro, 3 e 4 Villardel, 5 Presedo e 6 Beldoña / Naves, A., Samper, J., Mon, A. et al. Sustain. Water Resour. Manag. (2017). https://doi.org/10.1007/s40899-017-0169-5
Fontes de Abegondo tras a súa restauración: 1 Vilanova, 2 Outeiro, 3 e 4 Villardel, 5 Presedo e 6 Beldoña / Naves, A., Samper, J., Mon, A. et al. Sustain. Water Resour. Manag. (2017). https://doi.org/10.1007/s40899-017-0169-5

Os científicos, á vista dos resultados acadados, recomendan "encarecidamente un mantemento periódico axeitado das fontes e dos colectores de auga de mananciais para manter unha boa calidade da auga". Ademais, subliñan que "a definición das zonas de protección e a súa aplicación no plan xeral de desenvolvemento non é suficiente para garantir unha boa calidade da auga", polo que aconsellan "un control eficiente das actividades restrinxidas, especialmente da aplicación excesiva de esterco, para reducir as concentracións de nitratos e previr a contaminación microbiana" nestes puntos de subministro público de auga.

Os datos químicos e microbianos das fontes e mananciais foron monitoreados durante tres anos despois das accións de restauración realizadas. Os investigadores non observaron cambios significativos na química da auga na fase posterior á restauración. Con todo, nalgunhas fontes si detectaron unha clara redución da contaminación microbiana e unha leve redución da contaminación por nitratos, pero insuficientes para falar de éxito na aplicación deste proxecto.

De feito, os científicos aseguran que "a eficiencia das medidas de restauración foi parcialmente reducida" pola "baixa frecuencia de limpeza e desinfección das fontes" e pola "falta de accións para facer cumprir as restricións nas zonas de protección e evitar o uso excesivo de esterco como fertilizante na contorna dalgúns mananciais".

En concreto, os científicos analizaron a calidade da auga das fontes de Vilanova, Outeiro, Villardel, Beldoña e Presedo, incluídas neste plan de restauración e mellora da calidade da auga. "Todas as fontes, agás a de Villardel, mostran evidencias de contaminación por nitratos", conclúen os investigadores, que salientan que "as concentracións medidas están por debaixo do valor paramétrico para a auga potable". Ademais, "todas as fontes, agás a de Beldoña, están afectadas por contaminación microbiana"

Todos estes puntos son captacións cun alto nivel de uso e resultan fundamentais para o abastecemento de auga dos núcleos nos que se atopan. Cando se puxo en marcha este proxecto, cun orzamento de 84.000 euros, as fontes xa mostraban indicios de contaminación por nitratos dentro do límite da potabilidade, agás Villardel, onde as concentracións era máis baixas, ademais de contaminación microbiana. A causa é, principalmente, pozos negros ou fosas sépticas que poderían non estar ben seladas, hortas nas que se usa esterco como fertilizante e granxas que poderían non realizar unha xestión axeitada dos xurros, ademais do mal estado estrutural destes puntos de abastecemento, para o cal se realizaron traballos de limpeza e desinfección destas instalacións e substitución dos caños en mal estado, entre outras tarefas. 

Os resultados do estudo que cuestiona a eficacia do plan aplicado en Abegondo publícanse na revista científica Sustainable Water Resources Management.

O PROXECTO AQUAN PLANN

Aqua Plann é un plan de acción sobre as presións que actúan sobre a conca dos ríos Mero e Barcés co que se pretendeu garantir a calidade das augas do L.I.C. encoro Abegondo-Cecebre. A fin perseguida foi profundar na aplicación da directiva marco da auga.

Os principais axentes involucrados na súa xestión foron: Concello de Abegondo, Emalcsa, Aguas de Galicia e Consellería de Medio Rural. Este plan foi aprobado pola Comisión Europea, achegando 333.304 euros, un terzo do investimento total, de 987.564 euros, dos cales 84.000 foron destinados á recuperación e potabilización das fontes e mananciais públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta