O lehendakari reclama ao Estado o recoñecemento da realidade nacional de Galicia

O lehendakari de Euskadi declarou onte que a solución ao conflito de Cataluña pasa polo recoñecemento xurídico-político, social e cultural das “realidades nacionais vasca, catalá, galega; ademais da española”. Íñigo Urkullu argumenta que a saída ao conflito catalán está “no horizonte dun estado confederal”.

Por Galicia Confidencial | Vitoria | 22/09/2017 | Actualizada ás 08:34

Comparte esta noticia

Unha confederación que na súa opinión debe recoñecer formalmente o dereito a consultar a cidadanía “de xeito legal e pactado”. Durante a súa comparecencia no Parlamento Vasco, o dirixente nacionalista engadiu que “o Estado ten a obriga de buscar unha solución política ás aspiracións nacionais lexítimas de Euskadi e Cataluña, non hai outro camiño”, deixando desta vez fóra a Galicia.

O lehendakari de Euskadi Íñigo Urkullu no Parlamento Vasco
O lehendakari de Euskadi Íñigo Urkullu no Parlamento Vasco

A petición de Urkullu ten unha especial relevancia dado o escenario político actual. O Congreso dos Deputados vai acoller unha comisión, impulsada polo PSOE, para abordar o debate territorial do Estado. Malia que está moi verde e de feito nin Ciudadanos nin ERC van participar polo de agora, a iniciativa de Pedro Sánchez é o foro no que moitos agardan que se resolva a cuestión de Cataluña. 

No que alí, eventualmente, se aprobe terá moito que dicir o PNV. Os nacionalistas vascos son chave para a estabilidade do goberno de Mariano Rajoy e sen dúbida tentarán que calquera acordo pase por maior autogoberno para eles. Un ronsel que abre unha porta de maior autodeterminación para Galicia, aínda que está por ver se as forzas políticas do país son capaces de unirse para aproveitalo.

O anuncio de Urkullu non implica que o PNV se lance a emular a estratexia da Generalitat. Si reclamou  unha negociación “bilateral” co Estado para que “asuma o concepto de cosoberaná ou soberanía compartida”, pero polo de agora, a efectos prácticos, puxo o énfase nas 37 competencias recollidas no Estatuto Vasco que entende pentendes de transferencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta