Por Galicia Confidencial | | 26/10/2010 | Actualizada ás 14:33
Galicia Confidencial denunciou hai dúas semanas a estraña desaparición dun artigo da web do diario Galicia Hoxe despois dun comunicado de protesta do Arcebispo polas críticas que Fran P. Lorenzo facía ao “malgasto” de cartos públicos na organización da visita do papa.
Esta mañá é a Revista Retranca, que dirixe Kiko Da Silva, quen denuncia un suposto novo ataque a liberdade de expresión, o “secuestro” do número sobre o Papa desta publicación satírica galega.
“Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma”, explica o debuxante.
Na versión de Retranca, nunha conversa telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono de Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo “co ataque ao Papa e á Igrexa”.
Retranca deixa claro que “foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política”.
Imprenta alternativa
A publicación informa aos lectores que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que"chegará aos quioscos en breve". Ademais, prepara unha posíbel demanda no xulgado.
Retranca, “a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións”, recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada. Kiko da Silva fundou Retranca hai tres anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.