Temas: CUT

A CUT reivindícase como o sindicato galego “de ruptura e emancipación nacional”

Ricardo Castro asume a secretaría xeral da central que realiza unha importante renovación dos seus órganos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/10/2017 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) celebrou este pasado sábado en Vigo o seu sexto Congreso Nacional. Un encontro no que reivindicou o seu carácter de sindicato socio-político como “unha peza partícipe do proxecto de ruptura e emancipación nacional e manifestando de xeito inequívoco o seu decidio apoio ao proceso catalán e ao dereito á autodeterminación de todos os pobos do mundo”.

Participantes no Congreso Nacional da CUT
Participantes no Congreso Nacional da CUT | Fonte: CUT

Preto de 250 homes e mulleres deste sindicato nacido en 1999, que se define como “galego, combativo e de clase”, reuníronse para acordar e poñer ao día unha ferramenta sindical que consideran “imprescindible” para a clase traballadora galega nun escenario histórico que tildan de “extremo, pola exacerbación, a explotación e a negación de dereitos básicos por parte das forzas do capital”.

“A CUT gábase de saír deste sexto congreso fortalecida, tanto polo consenso que se manifestou coa aprobación por unanimidade dos dous relatorios que se votaron na asemblea (un político-sindical e outro organizativo), como polo nomeamento por aclamación da única candidatura que se presentou para conformar o novo Secretariado Nacional, máximo órgano deste sindicato entre congresos”, apunta a central nun comunicado.

Nova dirección

Así, a dirección do sindicato pasa a mans de Ricardo Castro, que asume a Secretaría Xeral e de Organización en substitución de Manolo Camaño, histórico líder sindical que dá o relevo asumindo a responsabilidade das áreas de Internacional e Movementos Sociais. Conforman tamén o Secretariado Nacional Andrea de Francisco, que se encargará de Formación, Raquel Lema (Comunicación), Jerónimo Peláez (Arquivo e Documentación), Ana Viqueira (Secretaría das Mulleres), Brais González (Asesoría Xurídica), e Eva Pallas e Maruchi Álvarez, que asumen colexiadamente a área de Finanzas. A Acción Sindical, que a CUT considera estratéxica, estará dirixida por Berto Covelo, Manu Salgueiro e Raquel Lema. 

Ricardo Castro, novo secretario xeral da CUT
Ricardo Castro, novo secretario xeral da CUT | Fonte: CUT

Tamén se suman ao Secretariado Nacional as persoas que ocupan as secretarías das diversas Unións Comarcais nas que a CUT se organiza territorialmente, que foron renovadas por completo en procesos electorais celebrados nas semanas previas a este sexto congreso: Andrea Lamas por Compostela, Demelsa Piñeiro pola Coruña, Natalia Moure por Vigo, Manuel Cabral polo Morrazo e  Xosé Martínez Muñíz polo Barbanza. 

No plano das alianzas internacionalistas, a CUT reafirmou tamén nesta asamblea xeral da militancia o seu compromiso de seguir tecendo lazos con outras organizacións sindicais “de clase e combativas” do resto do Estado e do mundo. Asistiron a este congreso como organizacións convidadas representantes de LAB, do CUT de Aragón, do SAT, da IAC, da Intersindical Valenciá, do CSI de Asturies, da Confederación Intersindical, do FSOC e da FSM. 

Temas: CUT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta