A Universidade da Coruña apoia proxectos innovadores de estudantes

Pon en marcha o programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’ con 80 prazas para emprendedores.

Por GC Emprende | A Coruña | 31/10/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Os emprendedores universitarios da Universidade da Coruña de entre 18 e 31 anos poden inscribirse ata o 8 de decembro no programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’ que impulsa o talento novo e a xeración de proxectos innovadores nunha contorna dixital, aberta e colaborativa, informa a UDC.

Programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’ da Universidade da Coruña
Programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’ da Universidade da Coruña | Fonte: UDC.

Esta iniciativa, impulsada por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinada polo CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), representa a evolución de Santander YUZZ, un programa que nas súas oito edicións anteriores potenciou os proxectos de máis de 4.200 novos emprendedores e xerou centos de empresas en todo o país. A Universidade da Coruña leva catro edicións participando neste proxecto e este ano, como novidade, terá dous espazos para os emprendedores universitarios, un na Coruña e outro en Ferrol, con 40 prazas cada un.

Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso ao Explorer Space UDC, un centro de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa, conectaránse con outros emprendedores e recibirán asesoramento personalizado e formación dunha rede de máis de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.

COMUNIDADE, IMPULSO E FINANCIAMENTO

Ao remate dos cinco meses de formación e ideación, os dous proxectos mellor valorados do Explorer Space UDC, un por cada campus, viaxará a Silicon Valley, o referente mundial en innovación e emprendimiento, xunto a outros 50 emprendedores de todo o Estado, onde recibirán clases maxistrais en empresas tecnolóxicas punteiras, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores.

Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.

Grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Awardque ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award –impulsado por INDRA-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio máis innovador. Os interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma global www.jointheX.org.

ECOSISTEMA GLOBAL

Ás vantaxes que tiveron miles de participantes nos programas de emprendemento impulsados por Santander, Explorer suma a posibilidade de formar parte do maior ecosistema de emprendemento universitario do mundo a través da plataforma global Santander X, www.jointheX.org, que xa conta con máis de 40 universidades adheridas de distintos países, e convértese en punto de encontro de emprendedores, universidades e posibles socios e inversores de todo o mundo.

Grazas á incorporación do programa Explorer en Santander X, os participantes poderán contactar con mozos e mozas do resto do mundo, gañar proxección internacional e xerar novas oportunidades para as súas startups nunha contorna aberta, dixital e colaborativa.

Explorer é unha iniciativa en rede que conta co apoio de universidades de todo o Estado e coa colaboración e participación activa de máis de 150 institucións públicas e privadas como a Fundación EY, Indra, Secot e Netberry.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta