Temas: INDITEX FOLGA CIG

O persoal de Bershka en Pontevedra desconvoca a folga tras chegar a un acordo con Inditex

A CIG valora o acordo, que "supera as pretensións marcadas polas traballadoras"

Por E.P. | VIGO | 04/11/2017 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

As traballadoras de Bershka en Pontevedra desconvocaron a folga indefinida que iniciaron o pasado día 26 para denunciar "discriminación" con respecto ás empregadas doutras provincias despois de chegar a un acordo con Inditex. Diso informou a CIG, que explica que o acordo contempla a incorporación de todas as medidas sociais que reclamaban e avanza na equiparación salarial, xa que Bershka accede a pagarlles 120 dos 130 euros en pluses que cobra o persoal da Coruña.

Acordo entre as traballadoras de Bershka en Pontevedra e Inditex
Acordo entre as traballadoras de Bershka en Pontevedra e Inditex | Fonte: Europa Press

O sindicato nacionalista sinalou que foi precisamente este último aspecto o que frustrou o acordo na primeira reunión celebrada entre as partes. Ademais, indicou que "a piques" estivo de volver frustralo o venres ante a negativa da empresa a abonarlles o plus de 50 euros do que gozan as traballadoras coruñesas. Con todo, a compañía si aceptara pagar o plus de 80 euros.

En concreto, a CIG sinala que, na primeira reunión, as negociadoras da empresa unicamente ofrecían 10 euros do plus de 50. Con todo, nun encontro mantido o venres e que terminou xa entrada a noite, as partes chegaron a un preacordo que contempla tanto a aplicación das melloras sociais que reclamaban como o abono do plus de 80 euros. Ademais, do de 50 ingresarán un total de 40 euros (30 en 2018 e 10 en 2019).

Outro das melloras, segundo indicou a central sindical, pasa por un incentivo do 1,6% para as terceiras encargadas, o que supón o recoñecemento das responsabilidades que desenvolven na tenda; un abono de 80 euros por cada día de asuntos propios non gozado ao longo do ano; así como outro de 150 euros por nacemento ou adopción de fillo.

Ao mesmo tempo, os calendarios de todas as xornadas limitaranse a un máximo de tres peches semanais. Tamén se establece un sábado libre mensual para todas as empregadas, aínda que as encargadas gozarán de 12 sábados libres ao ano, que se poderán regular en función das necesidades da tenda, podendo gozar de dous sábados acumulados no mesmo mes e de tres sábados en quenda de mañá. Isto significa que todas as traballadoras terán o mesmo tempo de descanso.

A secretaria nacional da CIG Servizos, Transi Fernández, valorou o acordo alcanzado coa empresa que, segundo indicou, superou as pretensións marcadas inicialmente polo cadro de persoal.

Temas: INDITEX FOLGA CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Aquel

Tiveron sorte de que non andiveran polo medio ccoo e ugt, saboteando a folga como fixeron conaval de Navantia.