A Garda Civil incauta en Combarro máis de 638 litros de augardente e licor de bagazo clandestino

Estaba a ser comercializano de forma fraudulenta, sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2017 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A Garda Civil incautouse dunha partida de 638 litros de distintas augardentes e licor de bagazo que se estaba comercializando de forma fraudulenta en Combarro (Poio), sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais.

Augardente e licor de bagazo incautado
Augardente e licor de bagazo incautado | Fonte: Europa Press

A actuación, levada a cabo pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil con sede en Marín no marco das súas competencias específicas, realizouse como consecuencia dunha inspección rutineira que realizaron nunha tenda de souvenirs na localidade de Combarro (Poio), coa finalidade de comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal da mercadoría que estaba disposta para a venda.

No transcurso da inspección, tanto na propia tenda como nun almacén, a Garda Civil localizou un total de 875 botellas de distintas augardentes e licores, sen ningún tipo de marca fiscal nin etiquetaxe que puidese determinar a súa trazabilidade, segundo dispón a lexislación vixente.

En consecuencia, a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil procedeu á aprehensión cautelar de todas as botellas e, ao mesmo tempo, denunciaron o responsable da tenda por dúas infraccións administrativas.

Unha delas, á Lei 38/1992 de Impostos Especiais, da que é competente a Dependencia de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, por carecer de precintos fiscais, e a outra á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que terá que resolver a Delegación Provincial de Sanidade da Xunta de Galicia.

Neste caso a denuncia ten a súa orixe no risco que a venda do alcol podería supor para a saúde pública, dado que ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta