Por gcdeportes | A Coruña | 04/11/2017 | Actualizada ás 19:59
Ficha técnica
RC Deportivo 0: Pantilimon; Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho (Fernando Navarro, 82’); Guilherme, Celso Borges (Pedro Mosquera, 75’); Fede Cartabia, Fede Valverde, Bakkali (Florin Andone, 75’) e Lucas Pérez.
Atlético de Madrid 1: Oblak; Juanfran, Savic, Godín, Lucas Hernández; Thomas, Augusto Fernández (Kevin Gameiro, 61’), Gabi, Saúl Ñíguez, Correa (Nico Gaitán, 46’) e Griezmann (Giménez, 80’).
Gol: 0-1: Thomas (minuto 91).
Árbitro: Álvarez Izquierdo (catalán). Amarelas a Juanfran (77’), Luisinho (78’), Andone (84’) e Sidnei (90’) no Dépor e a Griezmann (9’) e Savia (21’) no Atleti.
Incidencias: partido da 11ª xornada de Primeira División disputado no Estadio Abanca-Riazor ante 22.807 espectadores. Partido 400 de Fernando Navarro en Primeira.
A mellora das Palmas referendouse ante o Atleti e Riazor premiou os seus con aplausos. “A afección premia a entrega e o sacrificio. É un bo síntoma”, sentenciou Cristóbal Parralo, que ve o equipo no bo camiño. Malia a derrota, no tempo engadido cun gol de Thomas, o Dépor deixou boas sensacións. Soubo competir e apenas concedeu ocasións, foi mellor que un rival que pouco fixo pola vitoria pero marcou no desconto.
Cristóbal Parralo repetiu o mesmo once que no seu debut ligueiro como técnico deportivista. O partido comezou sendo de ida e volta, sen un dominador claro e con imprecisións. Bakkali, pola banda esquerda, era o máis activo, e tentouno con dous disparos que non atoparon portaría rival. O Dépor pasou a ter o control, pero non conseguía achegarse con perigo e tentábao con disparos lonxanos de Guilherme ou Luisinho. A mellor ocasión deportivista foi un erro de Oblak, que co balón nos pés non acertou a despexar, pero Lucas Pérez non puido aproveitar o despiste. Ao descanso, o público xa despediu o Dépor con aplausos.
O Atleti tentouno trala reanudación cun remate frouxo de Griezmann e unha volea forte de Nico Gaitán que detivo Pantilimon sen problemas. O Dépor respostou cun centro-chute de Fede Cartabia que Oblak despexou a córner; no lanzamento dende o recanto, Fede Valverde non chegou no segundo pau a un balón peiteado por Guilherme. Outro disparo lonxano de Fede Cartabia, que petou nun defensa, obrigou a Oblak a intervir e Guilherme non atinou coa portaría tras un rexeite da defensa madrileña.
Un serio Deportivo tiña o control e apenas pasaba apuros, polo que o seu técnico decidiu dar entrada a Florin Andonde coma segunda punta para buscar os tres puntos (Pedro Mosquera entrou por un mancado Celso Borges). Mentres, o Cholo Simeone retirou a Griezman para dar entrada a alguén defensivo como Giménez. Cando se cumpría o tempo regulamentario, a contra máis clara do Atleti obrigou a Sidnei a facer unha falta ao bordo da área sobre Lucas Hernández. Gabi toca para Thomas Partey, que marca o 0-1 polo pau dun estático Pantilimon. Derrota cruel do Dépor, que queda con 11 puntos en 11 xornadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.