O Celta tumba ó Athletic

Os celestes vencen 3-1 con media hora espectacular e acadan a segunda vitoria en Balaídos dous meses despois. Dous goles para Iago Aspas, que alcanza os cen coa camisola celeste. Vindeira cita, co Sevilla do Toto Berizzo.

Por gcdeportes | Vigo | 05/11/2017 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 3:
Rubén Blanco; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny; Lobotka (Radoja, 84’), Daniel Wass, Tucu Hernández; Pione Sisto, Iago Aspas e Maxi Gómez (Guidetti, 76’).
Athletic Club 1: Kepa; Bóveda (Lekua, 73’), Unai Núñez, Laporte, Balenziaga; Vesga (Iturraspe, 45’), San José; Susaeta, Raúl García, Córdoba (Aduriz, 45’) e Iñaki Williams.
Goles: 1-0: Sergi Gómez (minuto 16). 2-0: Iago Aspas (23’). 3-0: Iago Aspas (26’). 3-1: Raúl García (38’).
Árbitro: Gil Manzano (estremeño). Amarelas a Sergi Gómez e Maxi Gómez nos celestes e a Vesga, Balenziaga e Aduriz no Athletic.
Incidencias: partido da 11ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 19.876 espectadores.

IagoAspas celebra o gol sinalando o escudo celeste.
IagoAspas celebra o gol sinalando o escudo celeste. | Fonte: lfp.es

Ledicia celeste e ledicia de Iago Aspas. Case dous meses despois (1-0 ao Alavés o 10 de setembro), vitoria en Balaídos. Bastoulle media hora case perfecta no primeiro tempo, na que marcou tres goles, para tumbar o Athletic. Ao final, 3-1 con goles de Sergi Gómez e dous de Iago Aspas, que alcanza os 100 coa camisola celeste.

Co único troco de Andreu Fontàs por Cabral no once habitual de Juan Carlos Unzué, o Celta firmou unha primeira parte espectacular, quizáis a mellor da campaña. Con máis intensidade que o rival, con rapidez no xogo combinativo e con chegadas claras polas dúas bandas. O 1-0 chegou tras un centro de Pione Sisto dende a dereita que rematou de xeito perfecto Sergi Gómez coa testa. O Celta non se conformou e non baixou o ritmo. Kepa evitou o segundo de Pione Sisto, pero Iago Aspas fixo dous en apenas tres minutos: un erro defensivo do Athletic foi aproveitado polo moañés para superar o meta rival cun tiro cruzado; pouco despois, adiantouse a Unai Núñez para marcar o terceiro coa testa tras un centro de Daniel Wass.

Foi, durante media hora, a mellor versión do Celta 2017-18, que incluso puido marcar o cuarto nun remate de Maxi Gómez. Co 3-0, baixou o ritmo o equipo celeste, e o Athletic apareceu á fin pola portaría viguesa. Raúl García avisou cunha volea, pero marcou á segunda tentativa tras un centro de Bóveda. 3-1 ao descanso.

Con dous goles de desvantaxe, Ziganda fixo dous trocos en vestiarios e deu entrada a Iturraspe e Aduriz. Obrigado á reaccionar, o Athletic tivo máis empuxe e obrigou o Celta a meterse no seu campo. Con dous centros á área e remates coa testa de Laporte e Unai Núñez, levou perigo o equipo biscaíño á meta de Rubén Blanco. O partido fíxose de ida e volta: tras unha contra de San José, Iago Aspas tivo o hat-trick nun man a man no que buscou o remate con parábola. Na recta final, entraron John Guidetti e Radoja, e o Celta apenas pasou apuros ata o asubío final. O traballo estaba feito nos primeiros 35 minutos.

O Celta chega ao parón de seleccións 11º con 14 puntos. O sábado 18 ás 18.30 horas, visita ao Sevilla do Toto Berizzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta