Como foi a vida dos percebeiros despois do Prestige

Cineuropa proxecta este venres un documental que fala da vida dos percebeiros despois do “Prestige” e como se tiveron que adaptar cando remataron as subvencións da Xunta.

Por Galicia Confidencial | | 14/11/2017 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

‘Entre a onda e a rocha ‘é un documental de 89 minutos que dá conta da vida dos percebeiros de Muxía durante unhas semanas do outono de 2015, antes da campaña de Nadal. O Cineuropa programará este filme, que rematou a postprodución o pasado verán, o venres en Compostela. E quince anos despois do Prestige, a película de Manuel Logar, un debutante, pasarase tamén en Muxía. Será este mesmo domingo en horario inda por confirmar. 

Imaxe do documental de Manuel Logar Entre a onda e a rocha, sobre a vida dos perceberios despois do Prestige
Imaxe do documental de Manuel Logar Entre a onda e a rocha, sobre a vida dos perceberios despois do Prestige

 

Manuel Logar é un coruñés de 24 anos que estudou cine na ESCAC de Barcelona e presentou como proxecto de fin de grao Entre a onda e a rocha. Conta que ía na procura dunha historia que representase a loita do home diante da natureza. Levou a Muxía un equipo de seis persoas, entrevistou a unha decena de percebeiros e a máis xente da localidade. Ía mirar o mar e escoitar á xente. E topouse con cousas inesperadas.

 

Para empezar, a paisaxe”, di, “para un mozo de cidade ese mar e esa costa ao lado da casa… foi unha sorpresa, foi impresionante”. O seguinte foi que a loita máis dura non se libraba entre o home e o mar, senón entre os homes. “Topámonos con que as principais dificultades do traballo viñan dos problemas, digamos, internos. Que había percebeiros que collían de máis e que ao final todos remataron por facer o mesmo”, explica Manuel.

 

Cambio de mentalidade tras o Prestige

 

Muxía converteuse nunha personaxe do documental. E as relacións sociais, nunha metáfora das relacións co medio ambiente. “Todos, en calquera parte, tendemos a xustificarnos da mesma forma: se os demais non fan nada ou fano mal, por que vou facer eu outra cousa?”. O furtivismo, explica Logar, era un problema naqueles días. E tiña que ver cun “cambio de mentalidade” que o cineasta vincula ao Prestige, aos efectos que causaron o obrigado parón no traballo e as subvencións compensatorias na forma de afrontar o futuro. “Cando remataron as axudas públicas, xusto cando empezaba a crise, algúns quixeron manter as ganancias e certo nivel de vida a base de esquilmar os recursos. Pode que aí empezara o problema”, di Logar.

 

Porén, o autor recoñece que no filme as relacións humanas tecen lazos máis fortes e que o traballo, o perigo do combate no mar contra a natureza, esixe cooperación e unidade. “Na película, os problemas quedan como zonas escuras porque finalmente os percebeiros son un, e acabarán por solucionar os seus problemas porque están afeitos a ser un, sobrevivirán por iso”.

 

Entre a onda e a rocha xa fixo parte da programación do último festival de cine de Ourense e na Seminci de Valladolid, entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carlitos2

Ni el Poseidón de la mitologia podía frenar el despropósito del gobierno. Que nunca más vuelva a repetirse.