O presidente da Xunta avisa a Caballero: “Pachi Vázquez sabe destas cousas; de primarias e de eleccións”

O novo líder do PSdeG rexeita calquera tipo "de virreinato provincial" e espera "lealdade" á dirección socialista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/11/2017 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

A decisión do último gran barón do PSdeG de seguir na loita política abriu unha nova fronte neste partido. E o certo é que a intención de Pachi Vázquez, ex secretario xeral socialista, ex conselleiro, ex secretario provincial e ex deputado, de disputar o liderato na súa provincia, en Ourense, ao candidato do novo líder, Gonzalo Caballero, abriu vellas feridas.

Conversa amigable entre Feijóo e Pachi Vázquez
Conversa amigable entre Feijóo e Pachi Vázquez | Fonte: CRTVG

E, ante esta situación, obviamente, o líder do PPdeG aproveitou para mandarlle un recado ao nobel secretario xeral do PSdeG. “Pachi Vázquez sabe destas cousas, de primarias, e de eleccións”, dixo con retranca en alusión ás distintas batallas políticas que xa mantivo o ex rexedor do Carballiño.

Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre esta cuestión, Feijóo lembrou que Vázquez é un político que ten unha “longa experiencia” e “sabe destas cousas”. “Agardo que teña éxito no que poida acadar”, engadiu.

Con todo, foi máis crítico co novo líder socialista. “A ver se ten máis acertos que como acaba de comezar”, apuntou en alusión á decisión de dous presidentes provinciais de non acudir a dar conta da súa xestión na Cámara galega. “Iso é vella política”, chanceou en alusión á “nova política” que di encarar Gonzalo Caballero.

“VIRREINATOS PROVINCIAIS”

Unha idea que o novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, repetiu este venres. “O partido ten que encarar un novo tempo político leal", dixo, en alusión á nova dirección que el encabeza e engadiu que o "mandato da militancia" é que o "proxecto galego e galeguista" estea "por encima de calquera tipo de cuestións persoais ou estruturas provinciais".

Así se pronunciou despois de ser preguntado polo paso adiante dado por Pachi Vázquez ao optar a liderar o PSOE ourensán, do que rexeitou "facer análise ou comentarios" igual que non se pronunciou sobre outros aspirantes. Iso si, advertiu, sen apuntar a ninguén expresamente, que o PSdeG non pode "caer no erro de ter ningún tipo de virreinato provincial".

"E iso non vai en relación a ningún candidato; nin polo que vostedes me preguntan, nin por ningún outro. O PSdeG vai ter un proxecto galego e galeguista que será acompañado por estruturas orgánicas provinciais e tamén estruturas comarcais. A folla de renovación e fortalecemento do conxunto do PSdeG primará por encima de calquera outro escenario", reflexionou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta