O Concello de Vigo chama "tramposo e mentireiro" a Feijóo na lea pola auga

A Xunta, tras detectar unha análise en Canido niveis de ferro superiores ao recomendado, encarga novos informes a Aqualia para determinar a potabilidade da auga, pero o Concello de Vigo acusa ao presidente da Xunta de “ventaxista” por ocultar que se debe ao "cambio dunha tubaxe".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/12/2017 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade detectou niveis de ferro por riba do recomendado, ademais dunha elevada turbidez, na análise de auga realizada no barrio vigués de Canido, polo que a Xunta está á espera de que a concesionaria do servizo (Aqualia) comunique os resultados das súas propias medicións para decidir se recomenda a restrición do uso da auga da traída tanto para beber como para cociñar.

O alcalde Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Pero o Concello de Vigo non agardou polos novos informes, e atribuíu o dato de Canido sobre os niveis de ferro a unha obra realizada na estrada, e de paso acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de saber que ese rexistro "non ten relación coa potabilizadora".
Nun comunicado, o Consistorio que dirixe o socialista Abel Caballero sinalou que o parámetro de 600 mg/l de ferro detectado en Canido "non se debe nin á seca nin á depuradora", senón que está relacionado "co cambio dunha tubaxe", e sostén que "é algo que coñece a Xunta".

"Feijóo sabe que este rexistro non ten relación coa potabilizadora, pero é un ventaxista, tramposo e mentireiro", afirma o Concello de Vigo, despois da rolda de prensa na que o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, advertiu de que "non só hai un problema da cantidade de auga" debida á seca, "senón da calidade da auga" porque a planta do Casal, que é competencia municipal, "está desfasada" e presenta "deficiencias estruturais".

En calquera caso, a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, puntualizou que non se está nunha condición de alerta sanitaria. Tamén se obtiveron medicións da auga con parámetros por enriba do aconsellado nos municipios pontevedreses de Moaña, Redondela e Soutomaior.

Pero segundo López-Chaves, o Consistorio "sabe desde 2010" a situación desta planta potabilizadora, pero "non fixo investimentos o suficientemente importantes para poder garantir que cumpre os parámetros que esixe a normativa para garantir a calidade da auga". E denunciou: "Durante o último ano non só non se colaborou coa Xunta, senón que se ocultou información esencial que podería ter evitado, ou polo menos paliado, a situación coa que se enfronta a cidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Ogallá chova e non pare en catro meses! a ver se afogan os falabaratos !!! https://flic.kr/p/QpAGAj

1 Anti...

Entre dous falcatruas con maioría absoluta anda o xogo.