Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/12/2017 | Actualizada ás 14:47
A marca de garantía da Universidade de Santiago (USC) ‘Pescaenverde’ sumarase á de ‘pescadeRías, de onde se non?’, combinando deste xeito o selo de calidade do peixe e marisco procedente da frota artesanal galega con indicadores medioambientais como a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético.
Esta suma de esforzos e sinerxías busca poñer a disposición do consumidor final a garantía de ter un produto sostible de alta calidade, cuxa captura supón unha minimización de impactos ambientais como son o do cambio climático e o consumo enerxético. A colaboración é posible a través dun convenio asinado entre a USC e a Consellería do Mar.
A marca ‘pescaenverde’ creouse en 2012 como actividade de transferencia de tecnoloxía dos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, do grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC. Esta marca certifica que o peixe e marisco etiquetado con ela cumpre uns requisitos ecolóxicos na emisión máxima de dióxido de carbono por quilo de produto (pegada de carbono) e unha taxa de retorno enerxética mínima (ecoeficiencia enerxética). Ambos os dous dous factores permiten garantir as boas prácticas das pesquerías minimizando o impacto sobre o cambio climático.
Pola súa banda, a marca ‘pescadeRias, ¿de onde se non?’ creouse en 2008 co obxectivo de identificar e garantir a trazabilidade dos produtos do mar procedentes da flota artesanal e sostible da costa galega. Os produtos etiquetados baixo esta marca garanten a orixe, a frescura e a calidade, respecto ao medio ambiente e a aplicación de boas prácticas na súa manipulación polas empresas responsables de por estes alimentos no mercado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.