Por Rosalía R. Mendez | Barcelona | 21/12/2017 | Actualizada ás 20:53
Moita xente escollía votar a primeira hora desta mañá para “non deixalo para máis tarde” tal e como comentaba Dolors, que acudía ó seu colexio electoral contra as nove e media da mañá e logo marchaba ó traballo como calquera outro xoves. Outros, como Antonio, pediron permiso á súa empresa para sair unhas horas antes e poder ir a votar pola tarde, unha vez rematada a xornada laboral. Mentres que, os que traballan no pequeno comercio, aproveitaron o descanso do mediodía para acercarse ata os colexios electorais e emitir o seu voto á hora de comer.
Aínda que non é unha situación excepcional, a xente non está acostumada a que un día de votación coincida nun día laborable. A lei establece que os traballadores teñen permisos retribuidos de ata catro horas. Hai que ter en conta de que na zona de Barcelona, moitos traballadores viven a varios quilómetros de distancia dos seus centros de traballo, polo que o camiño de ida ou de volta pode levar máis de unha hora ou hora e media.
A maioría dos candidatos dos diferentes partidos foron a votar ó longo da mañá. Carles Riera (CUP) e Ada Colau, a alcaldesa de Barcelona, foron dos máis madrugadores, mentres que os exconsellers Rull e Turull (JxC) o facían pouco despois. Miquel Iceta (PSC) e Marta Rovira (ERC) acudían ós seus colexios electorais a media mañá a emitir o seu voto. O candidato dos Comúns, Xavier Domenech, e o do PP, Xavier Albiol votaban ó mediodía en Barcelona e Badalona respectivamente.
LAZOS AMARELOS
Ó longo de toda a campaña electoral vimos ós dirixentes políticos, principalmente ós soberanistas, lucir un lazo amarelo nas solapas para pedir a liberdade de Oriol Junqueras (ERC), os exconsellers e os líderes da Assemblea Nacional Catalana e Omnium Cultural, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart.
Precisamente, unha das dúbidas da xornada era a de saber se se podería ir ou non ó colexio electoral con un lazo amarelo na solapa. A Xunta electoral prohibía a semana pasada este símbolo, por ser considerado propaganda electoral, nos edificios públicos e centros de votación.
Moitos cidadáns acudiron ós colexios electorais con bufandas, panos, lazos ou chaquetas amarelas. Na maioría dos colexios non houbo problemas á hora de votar levando algo desta cor, xa que a Xunta electoral non dicía nada explícitamente sobre o seu uso particular.
UNHA PARTICIPACIÓN DE RÉCORD
Cinco millóns e medio de cataláns foron chamados hoxe a votar. Medra o número de votos emitidos desde o exterior, pero baixa o voto por correo respecto ós anteriores comicios celebrados hai dous anos.
A pesar das colas de primeira hora, os datos de participación da unha da tarde non foron moi altos, un 34,7% dos cataláns exerceran o seu voto, un dato moi similar ó de 2015. Xa as seis da tarde a porcentaxe subía ata o 68%, o que supón un 5% máis de participación respecto a 2015.
RECONTO PARALELO
Estas eleccións, ademais de contar co reconto oficial, existe outros datos recabados pola CUP, a ANC e os Comités de Defensa da República, que contan con apoderados nos diferentes colexios electorais que recollen datos de participación e actualizan os resultados a través dunha web. Segundo estes datos, a participación ás 12:30 da mañá era dun 25%, mentres que ás 19:30 era do 61%, moito máis baixa que nos datos ofrecidos polas fontes oficiais. Ao peche dos colexios electorais, algúns medios como La Vanguardia falan dunha participación do 83%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.