Xeólogos buscan optimizar a produción da mina de Touro

Investigadores da Universidad Complutense de Madrid e do CSIC fixeron un estudo nesta canteira para a optimización da explotación de áridos destinados a construción e obra civil. Os resultados preséntanse en plena polémica pola posible reapertura da actividade extractiva de cobre, que suscitou unha avalancha de críticas.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 24/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A mina de Touro leva meses no centro do debate público pola intención da empresa titular de retomar a extracción de cobre, que se parou no ano 1988. Ecoloxistas e entidades científicas como a Sociedade Galega de Historia Natural veñen alertando de ameazas para o medio ambiente, a saúde humana e a sustentabilidade económica da área se se reabre a mina de cobre. Pero Touro é máis que cobre, un mineral deostado a mediados da década de 1980 e agora en auxe pola enorme demanda asiática. O xacemento leva anos sendo explotado como canteira para a extracción de áridos, destinados principalmente a construcción e obras públicas. É precisamente esa actividade, a producción de áridos, a que buscan optimizar xeólogos da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Antiga explotación 'Bama', para a extracción de cobre, na que logo se comezou a extraer áridos anfibolíticos, na mina de Touro
Antiga explotación 'Bama', para a extracción de cobre, na que logo se comezou a extraer áridos anfibolíticos, na mina de Touro | Fonte: Jorge Fernández Suárez en 'Mapa de Rocas y Minerales Industriales de Galicia' (Instituto Geológico y Minero de España, 2008).

Xeólogos dos departamentos de Geomateriales e Petrología y Geoquímica da Facultad de Ciencias Geológicas da UCM, e do Instituto de Geociencias (IGEO), participado pola propia UCM e o CSIC, veñen de propoñer unha serie de recomendacións para optimizar a produción da mina de Touro.

A proposta chama a atención, primeiro, por aparecer xusto nun momento no que a mina está sendo escrutada con lupa por ecoloxistas, científicos, colectivos veciñais e medios xornalísticos, tras iniciarse os trámites para tentar retomar a polémica explotación de cobre cun megaproxecto a ceo aberto que suscitou un tsunami de críticas e alegacións en contra; en segundo lugar, sorprende porque propón optimizar a produción de áridos, cando o principal foco da empresa titular se desprazou ao cobre, orixe da polémica política e social que está suscitando o plan da empresa mineira.

O que fixeron os xeólogos da UCM e CSIC foi un estudo sobre as características litolóxicas da mina para "procurar un aproveitamento dos recursos xeolóxicos e un control axeitado da calidade do produto final en canteira", din.

A canteira de Touro é unha explotación ao descuberto da que actualmente se extraen anfibolitas e esquistos para o seu uso como árido de machaqueo, destinado á construcción e obras públicas, sendo a construción de estradas un dos seus principais destinos. Estes materiais xeolóxicos, salientan os xeólogos, sufriron unha "evolución metamórfica complexa, o que dificulta a súa identificación e posterior separación en canteira". Por este motivo, viron necesario buscar técnicas analíticas sinxelas de campo e laboratorio para identificar e caracterizar o material nas frontes e avaliar a súa calidade en relación aos seus posteriores usos en obra. 

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Con este obxectivo, identificaron as variedades litolóxicas presentes nas frontes de extracción da canteira de Touro e estudaron a súa dureza superficial, porosidade —expresada como a capacidade de absorción da auga— e velocidade de propagación de ondas P.

A partir dos resultados obtidos, concluíron que "a textura, tamaño do gran, porosidade e dureza superficial son os mellores indicadores da calidade dos materiais" e propoñen un "sistema de sectorización das frontes de explotación para un mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos e un control adecuado da calidade do produto final en canteira".

En concreto, comprobaron que dos materiais estudados, "anfibolita e paragneis son os máis aptos para o seu uso en obra civil, mentres que se desaconsella o uso do esquisto con distena".

ÁREA XEOLOXICAMENTE COMPLEXA

Os científicos subliñan no seu traballo a "alta complexidade xeolóxica" desta área, onde se dá unha "mestura de materiais durante o proceso de produción do árido, xa que a separación dos mesmos na fronte é economicamente inviable".

Por este motivo, argúen, era "necesario avaliar as características dos materiais que o compoñen por separado", para conseguir un "maior control das propiedades dos áridos producidos" en Touro, onde as litoloxías que conforman as frontes de explotación da canteira son paragneises, esquistos con distena, anfibolitas e filonitas.

"A anfibolita é a variedade pétrea que presenta menor tamaño de gran e estrutura interna máis masiva. Isto tradúcese nunha maior dureza e, por tanto, resistencia da roca. Ademais, a capacidade de absorción da auga é case nula, o que fai que estes materiais sexan pouco susceptibles a ser degradados. Pola contra, os esquistos con distena son os materiais que presentan maior tamaño de gran e unha estrutura interna máis foliada. Ademais, é a variedade litolóxica de menor dureza e maior capacidade de absorción de auga. Isto provoca que estes materiais se degraden con facilidade", expoñen os autores do estudo.

Con estes resultados, e de cara a optimizar a produción de áridos na canteira de Touro, os xeólogos propoñen "sectorizar as frontes de extracción das canteiras de árido empregados en estradas en función do seu grao de calidade para realizar un mellor aproveitamento dos recursos e control da calidade do produto final".

O estudo, titulado 'Optimización de la producción de áridos procedentes de canteras con frentes complejos: cantera de Touro, A Coruña (España)', está asinado por Ana Patricia Pérez Fortes, Pedro Castiñeiras e Maria José Varas Muriel, e foi publicado no último número da revista Geogaceta, que edita a Sociedad Geológica de España.

DO COBRE AOS ÁRIDOS... E VOLTA AO COBRE

A canteira de Touro, situada no xacemento de Arinteiro, foi utilizada durante máis dunha década —1973-1988— para a explotación de mineralizacións de cobre a ceo aberto mediante cortas verticais. Logo, tralo peche da explotación de cobre —abandonada polos baixísimos prezos que se pagaban naquela época polo metal—, estas cortas de rocha pouco alterada e con menor contido en xofre explotáronse para a obtención de áridos de machaqueo utilizados especialmente en firmes de estradas.

O certo é que a explotación de áridos foi "favorecida polo coñecemento previo da explotación de cobre", se ben os xeólogos recoñecen que "aínda se fai difícil a identificación e separación das diferentes litoloxías que afloran nas frontes", o cal é "fundamental para garantir a calidade do árido", xa que as litoloxías de Touro presentan "características petrofísicas dispares". De aí que os xeoólogos decidisen desenvolver un método para poder discriminalas facilmente a pé de corta e poder mellorar significativamente a produción.

Porén, cando chega este estudo dos xeólogos da Complutense e do CSIC, a empresa titular xa iniciou os estudos e trámites burocráticos para volver reabrir a actividade extractiva de cobre, que se convertiría, se é aprobado pola Xunta, no eixo da actividade mineira na zona.

Ese é o plan da empresa titular da canteira. Os terreos, que se estenden polos municipios de Touro e O Pino, foron adquiridos hai cinco lustros por Explotaciones Gallegas, empresa do grupo Francisco Gómez y Cía. Pero agora, os titulares empezaron a virar de novo o seu foco para centrarse na explotación de cobre. Nisto tiveron que ver dous elementos: o auxe da demanda mundial de cobre, principalmente dende Asia e moi singularmente por China, o que fixo elevar de novo o mercado deste metal, e a incursión da compañía internacional Atalaya Mining, con sede en Chipre e matriz de Atalaya Riotinto Mineira, liderada polo galego Alberto Lavandeira.

A punta do iceberg do proxecto da megamina de cobre a ceo aberto é Cobre San Rafael SL, empresa participada por Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining. Esta última é coñecida en España por ser a responsable da mina de Río Tinto en Huelva e está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd, con case o 22% do capital. Precisamente China sería, canda India, o principal mercado a abastecer pola mina que se pretende explotar en Touro e O Pino.

Pola súa parte, Explotaciones Gallegas é unha compañía que xa estivo no punto de mira das autoridades, pois a Consellería de Medio Ambiente lle abriu dous expedientes ante as sospeitas de que no antigo xacemento mineiro de Touro se depositaron residuos non autorizados que poden poñer en perigo a calidade da augas subterráneas da zona, que chegan á canle do río Ulla a través dos afluentes Brandelos e Lañas, cuxos niveis de contaminación xa son moi elevados debido ao impacto negativo que tivo a extracción de cobre nas décadas de 1970 e 1980.

A tan só uns 20 quilómetros de Santiago de Compostela, o xacemento de sulfuros metálicos explotado para a obtención de cobre provocou durante anos unha "alteración ambiental crítica con cortas profundas, paredes verticais, vertedoiros de estériles e unha extensa balsa de decantación de lodos", e onde "os materiais á intemperie, sen vegxetación nin solo, soportan oxidación dos sulfuros metálicos, xeneran augas de drenaxje hiperácidas e contaminan ríos da conca do Ulla", detalla un traballo publicado en 2012 co título 'Didáctica de la mina de Touro: procesos de recuperación de suelos y aguas hiperácidas de minas de sulfuros metálicos mediante la valorización biogeoquímica de residuos', asinado polo catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Felipe Macías Vázquez e a doutora en Bioloxía Carmen Nieto Olano.

Dáse a casualidade de que Macías, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, asinou recentemente o documento 'Medidas Experimentais de Medio Natural' que acompaña o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de Cobre San Rafael para a mina de Touro.

Atalaya Mining non é a única compañía internacional que fixou o seu interese na mina de cobre de Touro. Previamente xa o fixera a canadense Lundin Mining, que "en abril de 2012 asinou un acordo con investidores privados para a investigación de 205 dereitos mineiros sobre unha extensión de 57,4 km2 , e a opción de compra do 80% para un prezo estimado de 60 millóns de euros". Pero "os traballos realizados mostraron que o proxecto non proporcionaría retornos económicos suficientes para cumprir cos criterios de investimento da compañía" e "Lundin Mining retirouse do proxecto", recórdase informe da Asociación Nacional de Ingenieros de Minas titulado 'Análisis de situación de la minería española en el año 2014 y comienzo del 2015”.

Trala exposición pública do proxecto de Cobre San Rafael e a presentación de alegacións —foron unha avalancha contra este plan mineiro—, a pelota está agora no tellado da Xunta, que deberá dar luz verde ou tirar á papeleira este proxecto, como fixo anteriormente coa polémica mina de Corcoesto, finalmente desbotada. De ser así, talvez o obxectivo prioritario pase a ser a optimización da explotación de áridos, como propoñen os xeólogos da Complutense e do CSIC. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 panch

Que relación ten o famoso locutor sanchez de Dios coa empresa eido galicia S.L. que manexa abundantes fondos europeos????????

2 panch

Que relación ten o famoso locutor sanchez de Dios coa empresa eido galicia S.L. que manexa abundantes fondos europeos????????

1 Breogán

Hai madride!!! Só tes inmobles o demáis hai procuralo fora da cidade e corte, seu significado en ga le go.