Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 25/01/2018 | Actualizada ás 11:00
Os días 20 e 22 de xaneiro, a denominación de orixe Ribeira Sacra acudiu a dúas citas de importancia para a promoción dos seus viños en Madrid. A primeira parada foi Fitur onde o presidente José Manuel Rodríguez xunto coa técnico Ruth Fernández Vidal, amosaban as belezas paisaxísticas da Ribeira Sacra onde o público asistente se marabillou co tipo de viticultura que se practica nas ladeiras das súas montañas onde os bancais están dispostos en forma de escaleira con desniveis que chegan ata o 85%. Ao rematar a breve presentación puideron degustar un viño tinto novo, da variedade mencía, representativo da maioría dos viños con D.O. Ribeira Sacra.
E este luns, tocaba visita a Enofusión 2018, un congreso internacional do viño que atrae cada ano a máis de 10.000 visitantes profesionais, entre catadores, cociñeiros, restauradores, distribuidores, prensa especializada e amantes da gastronomía. O presidente da D.O. Ribeira Sacra presidiu o acto acompañado da técnico do CRDORS Ruth Fernández Vidal e da prestixiosa enóloga Isabel Mijares, licenciada en Ciencias Químicas en Madrid e en Enoloxía en Francia cun Master en Enoloxía pola Universidade de Bordeus e diplomada en Análise Sensorial de Viños e Alimentos.
Ela foi a encargada de dirixir unha cata de sete viños Ribeira Sacra que expuxo enfocándoo dunha maneira diferente ao habitual: “tentamos percorrer non só os viños en si, que eran representativos da zona, senón interpretar os porqués da mensaxe de cada viño; é dicir, por que uns viños teñen unha cor ou outra?, por que os matices aromáticos non son os mesmos pero con todo todos responden a unha liña de tipicidade? e todo iso explicándolles as características de cada viño.”
"Chegamos á conclusión de que estabamos errando na maneira de comunicarnos coa xente con explicacións sempre nas que eles sentían que non percibían iso, por exemplo, o cheiro a casis, o cheiro a bardana, a tusilago, e claro, hai xente que non probou nunca nada diso", engadiu.
A vindeira cita para a D.O. Ribeira Sacra será en Xantar do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro na cidade de Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.