Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/01/2018 | Actualizada ás 11:55
Hai uns días suicidouse unha paciente ingresada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Gil Casares, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), cando se cumpre un ano dende que se denunciou o falecemento, tamén por suicidio, doutra paciente ingresada na outra UHP do CHUS, no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo. Uns feitos que levan ao Movemento Galego da Saúde Mental a preguntar: "Como é posible que aínda non existe un protocolo de prevención'"
"Traxicamente a hospitalización realizada para previr o seu suicidio foi o marco no que este ocorreu, polo que na súa dimensión sanitaria cómpre o seu tratamento (investigación, comprensión e propostas de medidas a adoptar para prevención futura) dende a consideración de incidente crítico", comentan desde o Movemento Galego da Saúde Mental.
O risco de suicidio de persoas ingresadas en unidades de hospitalización psiquiátrica é "unha das problemáticas máis importantes e frecuentes" nas UHP, polo que "a súa prevención e a modificación dos factores que sustentan ese risco é unha das actuacións máis importantes neses espazos asistenciais", salientan desde este movemento cívico.
"NEGLIXENCIA"
Logo do falecemento, tamén por suicidio, doutra paciente ingresada na UHP do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo hai un ano, contestouse desde a dirección que se estaba a elaborar un protocolo que definise e orientase as actuacións preventivas para que feitos así non se producisen. Pero o certo é que "a día de hoxe, un ano despois, o devandito protocolo aínda non se aplica na EOXI de Santiago, polo que cando menos estamos ante unha conduta dos responsables sanitarios cualificable como neglixente na xestión da atención sanitaria prestada polo Sergas, e que se inscribe no marco xeral de «deficiente funcionamento dos servizos públicos» recentemente sinalado polo Defensor del Pueblo", censura o Movemento Galego da Saúde Mental.
Para previr as mortes por esta causa en unidades hospitalarias os denunciantes esixen a "adopción inmediata das medidas adecuadas, reforzando o carácter terapéutico desas unidades, dotándoas dos medios materiais, profesionais e de funcionamento necesarios e , entre eles, definindo e implantando mediante a participación dos profesionais os protocolos de prevención adecuados".
Para o Movemento Galego da Saúde Mental, "o plan preventivo ten que ser moito máis que un mero plan de control das persoas hospitalizadas", apostando por "un conxunto de actuacións orientadas terapeuticamente e guiadas polo escrupuloso respecto aos dereitos fundamentais de todas as persoas".
"Urxe xa a revisión e implantación do protocolo de prevención, para mellorar a protección da saúde e da vida dos pacientes, e tamén para proporcionar orientacións claras ás actuacións profesionais que reduzan a súa indefensión", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.