O retorno da pantasma das caixas

Cando os mortos están mal enterrados, é lóxico que, antes ou despois, aparezan sinais que evoquen semellante circunstancia. Nas Caixas de Aforro galegas estamos visualizando, nos últimos meses, unha reprodución desa metáfora.

Por Xesús Veiga | Conmpostela | 31/01/2018

Comparte esta noticia
Primeiro foi a execución da sentenza condenatoria de varios directivos de Caixanova que propiciou a entrada no cárcere de persoas tan relevantes como Gayoso e Pego. Agora, trascendeu a primeira imputación xudicial que afecta a Xosé Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, por mor dunha operación urbanística realizada na provincia de Almería. Ambos eventos serven para reavivar a lembranza do importante papel xogado por estes executivos na desfeita das Caixas. Non foron os únicos culpábeis do sucedido pero sen a estratexia desenvolvida polas suas equipas non se verificarían os círculos viciosos nos que cairon aquelas entidades.
 
Estas actuación xudiciais -coa demora habitual que se rexistra nesta caste de procedementos- axudan a confirmar, mais unha vez, o despróposito no que está instalado o PP no Parlamento galego. A maioría absoluta que ostenta, dende o 2009, na Cámara do Hórreo non foi quen de propiciar o funcionamento requirido para a Comisión que debería realizar unha diagnose do acontecido nas últimas décadas e fixar as responsabilidades políticas derivadas de semellantes feitos. Instalados nesa perversa lóxica de xudicializar todo o que poda ter unha dimensión política, o partido de Feijoo agarda pola lenta e incompleta maquinaria xudicial no canto de prestixiar a institución parlamentar cunha actuación dilixente nun problema de tanto impacto económico e social.
 
Cando se aborda esta temática convén insistir na concorrencia de tres factores fundamentais:a natureza social e non estritamente lucrativa das Caixas (a pesar de que Méndez e Gayoso actuaban coma se fosen os principais accionistas dun banco); as obrigas de control e supervisión que a lexislación vixente outorgaba ao goberno da Xunta e ao Banco de España e a actitude moi benevolente practicada polos grupos mediáticos e pola case totalidade das elites locais galegas.
 
Para completar o catálogo de sucesos recentes que contribuiron a resucitar a pantasma das Caixas, velaí o anuncio da hipotética nacionalización de Banesco por parte do goberno de Venezuela. Aínda que esa eventual operación non teña consecuencias xurídicas no actual status de Abanca, realimenta a incertidume xordida dende o mesmo momento no que ese grupo empresarial adquiriu -por 1003 millóns de euros- aquel Novagaliciabanco que estaba nas mans do FROB despois de que este organismo utilizase mais de 9000 millóns de recursos públicos no rescate do fillo bancario de Caixanova e Caixa Galicia. Feijoo bendeciu a adquisición protagonizada polo empresario venezolano porque evitaba, no curto prazo, a desaparición total dunha das “xoias” do declinante sistema financeiro galego. O Santander e o BBVA estaban preparados para mercar mais barato e diluir a entidade nas suas respectivas estruturas oligopólicas.
 
En todo caso, ademais dos importantes beneficios que están percibindo, os propietarios de Abanca sempre poderán vender a prezo de ouro o que obtiveron nunhas rebaixas espectaculares.E se alguén protesta, invocarán a recente frase do gran “liquidador” Rodrigo Rato:”é o mercado, amigos”.
 
Así se vai escrebindo a historia das fenecidas,pero non ben enterradas, Caixas galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.